Arteixo creará unha oficina de apoio dixital para a veciñanza grazas á iniciativa do BNG
O BNG de Arteixo levou ao pleno de febreiro ambiciosa moción para a creación dunha oficina de apoio dixital e a adopción de medidas contra os abusos bancarios. Trala súa aprobación no día de hoxe, o Concello de Arteixo creará unha oficina de apoio dixital para a veciñanza que a solicite, convenientemente atendida co obxectivo de atender ás persoas con fenda dixital para os seus trámites coas administracións e as súas relacións bancarias así como para asesoralas para non ser vítimas de ciberdelincuencia e outros perigos de internet. Así, todas as persoas que o precisen, sobre todo as maiores, terán un espazo onde solucionar os seus problemas á hora de enfrontarse coa dixitalización dos trámites burocráticos.
No pleno tamén foi aprobada a moción do 8-M dos nacionalistas, coa abstención de PP e PSOE, para recoñecer as mobilizacións feministas e demandar unha nova lei de Igualdade que substitúa á 7/2004 e que se adapte á realidade actual. Ademais, esixe ao goberno central a tramitación da ratificación do convenio 189 da OIT así como solicita un aumento dos recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á comunidade autónoma galega.
A nivel local, grazas á permanente insistencia do BNG, o Concello comezou a dar os primeiros pasos en canto a seguridade viaria no Rañal poñendo uns prefabricados de formigón para impedir o aparcamento de grandes camións e, así, evitar que sigan danando as propiedades da veciñanza. Así mesmo, o día 19 de marzo, entregarase a obra do Polígono de Morás e, a partir dese día, estarán servizos e instalacións dignas para que os traballadores do transporte poidan establecerse alí con comodidade e seguridade.
Pola súa parte, o goberno local estudará en firme a proposta do BNG de trasladar a parada do autobús en Oseiro ata a contorna da obra da Fonte do Abade. Así, non se entorpecería a subida e baixada de pasaxeiros e daríase fluidez ao tráfico na AC-415, favorecendo unha maior seguridade viaria no núcleo.
Por último, cómpre destacar a emenda que o BNG de Arteixo fixo ás bases reguladoras para a concesións destinadas a actividades deportivas en réxime de concorrencia competitiva no referente á comisión de avaliación de solicitudes. O BNG argumentou que non era transparente que houbese dous políticos e un só técnico en tanto se teñen que avaliar cuestións e actividades técnicas. O goberno local accedeu e comprometeuse a modificalo nas próximas convocatorias.