MUNICIPAIS MAIO 2023
O BNG porá en marcha unha Oficina de Apoio a Trámites Administrativos
A formación nacionalista inclúe a iniciativa no seu programa de goberno, para que a veciñanza “poida relacionarse coa administración municipal de forma sinxela”, explica Xurxo Couto, candidato do BNG de Arteixo
As administracións públicas teñen a obriga de orientar e axudar á cidadanía nos diversos trámites así como no exercicio dos seus dereitos. Non obstante, a realidade é ben distinta “e a veciñanza atópase cunha maraña administrativa complexa, sen saber a onde recorrer”, afirma Xurxo Couto, candidato do BNG de Arteixo, “sen esquecer a dificultade de moitas persoas, sobre todo maiores, se falamos de administración electrónica”. Para facilitar a relación entre a cidadanía e a administración, o BNG de Arteixo propón a creación dunha Oficina de Apoio a Trámites Administrativos.
“No BNG entendemos a política local centrada nas persoas e non pode ser que a administración máis próxima non sexa accesible, por iso, se chegamos ao goberno de Arteixo poñeremos en marcha esta oficina”, engade Couto. O obxectivo da mesma é ofrecer un canle axeitado para que a veciñanza poida acceder aos seus dereitos e á utilización dos bens e servizos públicos dun modo sinxelo “e sen ter que dar mil voltas”.
"No BNG entendemos a política local centrada nas persoas e non pode ser que a administración máis próxima non sexa accesible, por iso, se chegamos ao goberno de Arteixo poñeremos en marcha a Oficina de Apoio a Trámtes Administrativos
A esta iniciativa, o BNG suma unha serie de propostas como son as Oficinas de Apoio Dixital ou as aulas CeMIT para facilitar a alfabetización dixital da poboación. No mesmo campo, defenden a creación dun departamento municipal de Ciberseguridade, “nos tempos actuais é case unha obriga previr os ataques informáticos, tanto pola paralización dos servizos que provocan como pola necesaria protección de datos persoais e sensibles”, subliña Couto.