O BNG pide atrasar o comezo do curso escolar en Arteixo
O BNG de Arteixo considera apresurada a volta ás escolas o vindeiro día 10 de setembro e pide que se retrase o comezo do curso escolar en Arteixo ao 1 de outubro. Os colexios e institutos do municipio contarían, así, con marxe de tempo para traballar na organización segundo as súas propias peculiaridades e características. Cada centro educativo require unha solución concreta e independente.
“O colexio da Ponte dos Brozos está en obras e despois aínda hai que limpalo e desinféctalo. En Rorís tamén queda pendente o traslado e a compra de mobiliario que ten que facer a consellaría de Educación”, afirma Xurxo Couto, portavoz do BNG de Arteixo, tras manter unha reunión coas Anpas do municipio.
A Xunta de Galicia tivo moi pouco criterio á hora de elaborar os protocolos. Despois de elaborar un en xuño, tivo que modificalo e cambiar as instrucións a 31 de agosto, a pouco más dunha semana de comezar o curso. “É un despropósito comezar o colexio nestas circunstancias. Tívose medio ano para programar a volta aos colexios e a uns días estamos así. O goberno galego colapsou e non está tomando as medidas de seguridade sanitaria que son da súa competencia”, engade Couto. Desde o BNG de Arteixo lamentan que o goberno do PP de Arteixo non levante a voz ante a Xunta de Galicia pola inoperancia, desidia e falta de criterio cando é a administración que ten a responsabilidade en Educación.
Por outro lado, o goberno de Arteixo di que non se van ampliar os contratos de limpeza e que se van suplir as baixas das limpadoras municipais. “Vemos isto totalmente insuficiente nas circunstacias actuais”, afirma Couto. O BNG entende que, ante as dificultades existentes, só hai unha saída: o incremento de espazo para baixar as ratios por aula, o aumento do profesorado, do persoal de servizos e o aumento do servizo de limpeza e control tanto nos centros como nos transportes. Isto só se pode facer con investimento económico.
Desde o BNG tamén lamenta a falta de comunicaciòn entre a Consellería de Educación, os Concellos e os centros educativos. Unha comunicación baseada en comunicados e circulares. Por iso, o BNG pide máis comunicación e facer un traballo continuado coas Anpas e equipos directivos dos colexios e institutos, pois son eles os que mellor coñecen os espazos e as necesidades para saber como combater a covid-19.
Transporte escolar
En canto ao transporte escolar, tampouco se aclara como se van desinfectar. Algúns buses fan dúas ou tres viaxes e entre uns e outros deberían desinfectarse, mais o goberno local non sabe como se van limpar os autobuses e tampouco hai, a día de hoxe, ningunha reunión prevista coas autoridades de mobilidade.
Só se sabe que se pretenden escalonar as chegadas e as saídas dos autobuses, coa dificultade engadida do tráfico existente ou o tempo de subida e baixada dos ocupantes. Prevense graves problemas na zona de Avenida Arsenio Iglesias, zona onde circularán 3.000 escolares.
Plan Madruga
O BNG considera que se debe manter un servizo como o “Plan Madruga”, co obxectivo de garantir a conciliación, a cal van ter que asumir os pais e nais ou as Anpas, que van quedar desprotexidas.