O BNG de Arteixo solicita explicacións pola destrución das dunas en Barrañán
Macropaleadoras e e grandes camións destruíron as dunas en primeira liña de costa o pasado martes 21 de maio de 2019.
O BNG de Arteixo rexistrou onte, 22 de maio de 2019, un escrito dirixido a Demarcación de Costas do Estado, Autoridade Portuaria da Coruña, Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, ao Ministerio da Transición Ecolóxica e ao Concello de Arteixo para solicitar explicacións ante a destrución de parte das dunas de Barrañán debido ao recheo de area que se está levando a cabo no areal.
Este mesmo mes de maio, a Autoridade Portuaria da Coruña adxudicou á empresa construtora un contrato para executar o aporte de area á praia de Barrañán, por máis de 200.000 euros e no marco dun programa ambiental. O pasado martes 21 de maio atopamos as macropaleadoras e grandes camións traballando neste recheo coa evidencia de ter destruído parte das dunas en primeira liña de costa. Ademais, a presenza de cemento branco na area era evidente.
Cómpre recordar que a Lei de Costas é moi restritiva coa presenza de maquinaria pesada nunha contorna protexida. A praia de Barrañán forma parte da Rede Natura 2000 e do Lugar de Interese Comunitario Costa da Morte (LIC).
Por todo isto, emitimos un escrito ás autoridades competentes para se nos comuniquen as autorizacións e informes cos que conta a obra así como se nos facilite, se existe, un estudo sobre a afectación da obra do porto exterior de Punta Langosteira na costa e medidas correctoras. Tamén esiximos que se adopten as medidas necesarias para evitar este tipo de actuación nun sistema dunar protexido e, actualmente, en época de cría de aves.
Políticas ambientais
O goberno do PP de Arteixo, liderado por Carlos Calvelo, non está levando ningún tipo de política ambiental para diminuír o impacto ambiental ou protexer a contorna natural do municipio.
Desde o BNG de Arteixo temos propostas para a protección do medio ambiente. Sabemos que a costa de Arteixo está sufrindo un desgaste importante pola construción do porto exterior e hai que tomar medidas. A conservación e protección da praia de Barrañán debe ser unha prioridade. Así, a primeira medida do noso programa para as vindeiras eleccións municipais do 26 de maio é a realización dun estudo para a recuperación e rexeneración da costa e dos nosos sistemas dunares.
Tamén en Barrañán, queremos recuperar e rexenerar a canteira de Barrañán para dedicar o espazo a infraestruturas culturais e deportivas.
Outras medidas son a posta en valor e protección das zonas húmidas do Concello de Arteixo (encoro de Sabón, Fervenza do Moucho, Humidal de Barrañán - Sisalde ou encoro de Meicende) así como a elaboración dun mapa de contaminación do municipio que nos permita deseñar as medidas oportunas para mellora a calidade de vida das persoas.