O BNG de Arteixo leva a pleno a creación dunha oficina de apoio dixital e a adopción de medidas contra os abusos bancarios

O BNG pide a creación dunha oficina de apoio dixital para a veciñanza de Arteixo
O BNG pide a creación dunha oficina de apoio dixital para a veciñanza de Arteixo

Os nacionalistas tamén levan unha moción de apoio ás mobilizacións feministas do 8M.

O BNG de Arteixo leva a pleno a creación dunha oficina de apoio dixital e a adopción de medidas contra os abusos bancarios

O BNG de Arteixo leva ao vindeiro pleno de Arteixo, que se celebra este xoves 24 de febreiro, unha ambiciosa moción para a creación dunha oficina de apoio dixital e a adopción de medidas contra os abusos bancarios.

Os nacionalistas recoñecen que a transformación dixital é imparable e ofrece grandes comodidades para a xente preparada. Porén, hai que ter a fenda dixital existente para outras persoas sen coñecementos ou medios para facer trámites en liña. A pandemia serviu de desculpa ás entidades bancarias para diminuír o trato presencial e persoal así como para pechar oficinas ou limitar o horario de atención. O BNG de Arteixo xa conseguiu no pasado pleno aprobar a creación dunha aula CeMIT no municipio e agora vai un paso máis coa creación dunha “Oficina de apoio dixital” atendida convenientemente e que axude á veciñanza de Arteixo en todos os trámites dixitais coa administración así como asesoralos nas súas relacións coas entidades bancarias.

O BNG tamén propón que o Concello só estableza relacións bancarias con aquelas entidades que traten de xeito correcto aos clientes, sobre todo as persoas afectadas pola fenda dixital, e que non cobren comisións abusivas ou obriguen a contratación de produtos bancarios que non son precisos. Cómpre ter en conta tamén que non pechen oficinas no territorio municipal.

A outra moción que o BNG presenta a pleno é o apoio ás mobilizacións feministas do 8 de marzo e a demanda dos compromisos pendentes e incumpridos por diferentes institucións. O obxectivo é conseguir o compromiso da corporación arteixá para traballar contribuíndo a superar a situación de desigualdade.

Ademais, esixir á Xunta de Galiza o cumprimento do compromiso incumprido desde marzo de 2019 de impulsar cláusulas de igualdade na contratación pública galega así como demandarlle a elaboración dunha nova Lei de igualdade que substitúa a 7/2004 para adaptala á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista. Pola súa parte, esixir ao goberno central que non siga demorando a tramitación da ratificación do convenio 189 da OIT e solicitar un aumento dos recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á comunidade autónoma galega.

Rogos e preguntas

O BNG de Arteixo preguntará se o goberno do PP de Arteixo alegou ao Parque Eólico Mariño Nordés así como se hai algunha nova sobre este parque e de San Brandán.

Tamén leva dous rogos. Dunha banda, roga indicar cun sinal a prohibición do aparcamento de camións no Rañal e habilitar xa o espazo alternativo. Doutra, crear na obra da Fonte do Abade en Oseiro un espazo de parada que permita aos autobuses parar fóra da AC-415, dando fluidez ao tráfico no lugar de Oseiro.

 

O BNG de Arteixo leva a pleno a creación dunha oficina de apoio dixital e a adopción de medidas contra os abusos bancarios