Aprobadas no pleno de Arteixo as mocións sobre mobilidade e sanidade do BNG
O BNG de Arteixo presentou dúas mocións no pleno ordinario de outubro, unha sobre a mobilidade urbana e outra sobre a reactivación da asistencia sanitaria. As dúas mocións foron aprobadas por unanimidade no pleno.
En canto á moción de mobilidade urbana, todos os grupos destacaron o ambicioso e completo documento, cuxas acción levarían a un concello ideal para vivir. O BNG pretende coa moción a incorporación ao PMUS dunha serie de achegas imprescindibles. Ao mesmo tempo, o BNG destacou na súa intervención que a moción coas propostas sobre mobilidade non é unha crítica ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) –actualmente en redacción-. De feito, os nacionalistas apoian totalmente a súa realización –a falta de coñecer contido- e consideran que se lle debe dar absoluta prioridade, sendo un obxectivo político de todos e todas.
No referente á moción sobre a reactivación da asistencia sanitaria, todos os grupos estiveron dacordo na necesidade dunha atención médica presencial. O BNG puxo en evidencia a intención do PP de precarizar a asistencia presencial para beneficiar a sanidade privada.
Rogos e preguntas
O BNG preguntou no pleno de outubro se o Concello está corrixindo o problema da mala calidade da auga na zona norte de Arteixo. Tamén demandou explicacións sobre o problema de inundación de casas e garaxes en Meicende con motivo das obras en execución e sobre a limpeza de viais e a integración do rural na recollida selectiva de lixo. Ademais, pediu que se contestara sobre o feito de que non se pagaran certas axudas de comedores, transporte ou bolsas escolares do ano pasado.
O BNG entende que as preguntas non foron contestadas convenientemente polo PP, quen as tomou como unha crítica á súa xestión, poñéndose á defensiva. Pola contra, a intención das preguntas é informar sobre temas que preocupan á veciñanza.
Finalmente, o BNG emitiu un rogo para que o concello de Arteixo utilice o dominio "arteixo.gal" -do que xa dispón- como único e representativo da entidade en todas as súas comunicacións, tanto na súa páxina web como nos correos electrónicos.