O BNG reclama información sobre un posible ERTE da empresa do SAF
Desde o BNG consideramos un despropósito esta idea, despois de serlle concedida a prórroga de concesión.
07 maio 2020 - 22:51
Onte, 6 de maio, tivo lugar unha nova reunión do Comité de seguimento da COVID-19 en Arteixo. O BNG interesouse pola situación do ERTE que planeaba, presuntamente, a empresa do Servizo de Axuda no Fogar. Desde o BNG consideramos un despropósito esta idea, despois de serlle concedida a prórroga de concesión e mesmo incrementar a achega económica por hora. A concelleira de Servizos Sociais non ten novas ao respecto pero está de acordo coa improcedencia do ERTE. A empresa, pola súa banda, argumenta unha baixada voluntaria da metade dos usuarios (case 100 baixas). Desde o BNG seguiremos vixiando esta situación.
Outros temas que trasladamos desde o BNG son:
- As queixas de veciñanza do Rañal de risco, que non pode saír porque a xente non garda as distancias de seguridade. Polo tanto, demandamos un reforzo da seguridade nesta zona. O alcalde comprometeuse a trasladar estas queixas á Policía Local para que actúe na medida das súas posibilidades.
- Preocupación polo retraso no abono de subvencións de Cultura. O alcalde indica que estas subvencións do ano 2019 non teñen máis problema que as dificultades para realizar o trámite administrativo dadas as actuais circunstancias (en concreto, Cultura estivo paralizada) pero que serán aboadas sen problemas. Porén, Calvelo expresa a súa preocupación polas subvencións do 2020 dada a dificultade que haberá para as xustificacións. Sobre todo en materia de deportes, pois non haberá nin desprazamentos, nin arbitraxes, etc. Será un tema do que estaremos pendentes para ver como se pode solucionar.
- Preguntamos se houbo un aumento nestes últimos días de familias apuntadas a servizos sociais. A concelleira indica que non, que se sigue igual, mais lembra que no tempo da crise se habilitaron 95.000 euros en axudas, cando en todo o ano 2019 foron de pouco máis ca 100.000 euros.
- Expresamos a necesidade de tomar acordos plenarios para reclamar a capacidade plena dos concellos para utilizar o remanente e o superávit, así como a flexibilización da regra de gasto. Tamén para aclarar os termos de colaboración nas tarefas do alumnado de Educación Infantil e Primaria, pois a competencia é exclusivamente autonómica.