O BNG de Arteixo demanda desconfinar a atención sanitaria
Presentará no pleno de outubro unha moción sobre a reactivación da asistencia sanitaria
O BNG de Arteixo levará ao pleno ordinario de outubro unha moción sobre a reactivación da asistencia sanitaria para instar á Xunta de Galicia a activar a atención presencial na atención primaria para dar resposta ás demandas da atención pola covid-19 pero tamén ao resto de patoloxías.
Nesta época de pandemia, o Sergas tomou a decisión de que a atención se centrara preferentemente na consulta telefónica. Meses despois, isto está ocasionando moitas dificultades, tanto aos profesionai para poder prestar a asistencia sanitaria como no acceso da poboación en xeral á mesma. O BNG cre que a resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso ao sistema público de sanidade, algo que nos pode levar a un problema de saúde colectiva.
O BNG advirte de que é preciso desconfinar a sanidade pública e reactivar a atención presencial con máis persoal, máis información e máis accesibilidade. Por iso, leva a pleno esta moción onde propón un acordo a todos os grupos para instar á Xunta de Galicia reactivar a asistencia sanitaria.
En primeiro lugar, o BNG propón que a Xunta realice de inmediato todas as acción precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria para dar resposta ás demandas da covid-19 e ao resto de patoloxías, rematando coas listas de espera neste nivel asistencial co persoas e as medidas de prevención necesarias. Esixe tamén publicar de inmediato a situación das listas de espera hospitalarias e poñer en marcha un plan de choque para reducilas.
O BNG solicita aumentar o número de profesionais nos centros de saúde para permitir aumentar o tempo e calidade na atención, así como incorporar as categorías profesionais imprescindibles para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral: psicólogos, terapeutas, logopedas, podólogos…
Ademais, pide modificar o decreto que regula as áreas e os distritos sanitarios para crear unha estrutura de xestión da Atención Primaria con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos.
En relación á situación en Arteixo, o BNG pide estabilizar o cadro de persoal que desenvolve o seu traballo nos centros de saúde do municipio, como primeiro paso a un maior coñecemento da súa poboación e pacientes. Finalmente, volve demandar a incorporación das quendas de tarde no consultorio de Meicende e no centro de saúde de Vilarrodís para conseguir que a poboación non se concentre nas quendas de mañá, co obxectivo de dividir a atención primaria para paliar os efectos que está a sufrir o concello de Arteixo pola covid-19.