O CANDIDATO FOI ELEXIDO POR UNANIMIDADE NA ASEMBLEA CELEBRADA NA LOCALIDADE HAI UNS DÍAS.

Xurxo Couto encabeza a candidatura do BNG coa mirada posta nun Arteixo do que sentirmos orgullo

Ana Pontón e Xurxo Couto
Ana Pontón e Xurxo Couto

 

Xurxo Couto destacou que un dos obxectivos da súa candidatura é mobilizar e implicar á mocidade, porque son o motor deste concello

Arteixo, 23 de marzo de 2023.- O actual portavoz municipal e deputado de cultura da Deputación da Coruña agradeceu a confianza depositada e comprometeuse "a seguir traballando arreo para que o 28 de maio poidamos celebrar un cambio político en Arteixo porque cremos que Arteixo merece máis”

O candidato do BNG destacou o traballo que se fixo desde o grupo municipal neste mandato, traballo moi marcado pola pandemia e afirmou que "fixemos unha oposición tranquila e responsábel, achegando propostas para mellorarmos Arteixo e a vida da xente que vive aquí, e naturalmente para as persoas que veñen ao noso concello traballaren, pasearen etc. Demostramos que temos un proxecto para este concello, máis aberto, participativo, inclusivo, igualitario e diverso, a antítese do que ten o PP”

O BNG de Arteixo está a traballar na elaboración da candidatura que, segundo explicou Xurxo Couto “estará integrada por persoas solventes, honestas e comprometidas, que teñan claro que queren entregar o seu tempo para construír un concello mellor. As portas do BNG están abertas a persoas que reúnan estas características e a todas aquelas que queiran traballar por un Arteixo pensado para as persoas,, cun urbanismo  inclusivo, democrático, equilibrado e seguro, onde os espazos públicos sexan de calidade, accesíbeis, onde haxa verdadeiros centros de sociabilización e de convivencia para todas e todos, xente que crea na recuperación patrimonial, ambiental e cultural mais tamén nos servizos públicos, xente que pense que merecemos un Arteixo ben xestionado" indicou.

 

Xurxo Couto Rodríguez (Ferrol, 1965). Licenciado en Historia, especialidade en Arqueoloxía, pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou como docente en Formación Ocupacional de Mestre Canteiro. Como canteiro e arqueólogo, ten participado en proxectos de excavación, consolidación e limpeza do patrimonio.

Neste mandato Xurxo Couto partillou portavocía municipal coa responsabilidade de ser deputado provincial de Cultura.

Vinculado desde moi novo ao asociacionismo, entre as súas afeccións, ademais do patrimonio e a cultura en xeral, destacan o taekwondo deporte, o xadrez, a música e viaxar.

Xurxo Couto encabeza a candidatura do BNG coa mirada posta nun Arteixo do que sentirmos orgullo
Xurxo Couto encabeza a candidatura do BNG coa mirada posta nun Arteixo do que sentirmos orgullo