MUNICIPAIS MAIO 2023
Programa de goberno do BNG de Arteixo
Merecemos un Arteixo participativo e transparente, por iso, propoñemos diferentes canles de comunicación entre o Concello e a veciñanza.
Necesitamos unha sociedade activa, viva e implicada na creación de máis convivencia, cohesión social e servizos para todas e todos. Os centros sociais teñen que estar atendidos por persoal municipal e que sexan verdadeiros centros de sociabilización e de convivencia.
Queremos uns servizos básicos de calidade en todos e cada un dos núcleos de Arteixo, así como un mantemento axeitado das vías e camiños e o incremento da seguridade viaria.
Merecemos un goberno que non mire para outro lado nas cuestións medioambientais. Queremos un Concello que protexa os recursos ambientais, naturais e produtivos, para defender a terra e desenvolver o potencial do territorio.
Loitamos xunto á veciñanza contra un proxecto eólico depredador para o noso municipio. No BNG cremos nas enerxías sustentábeis mais planificadas, con sentido común, e que a explotación dos recursos naturais por parte das empresas enerxéticas leve aparellado algún beneficio e non só prexuízos para as persoas que as poden sofrer.
Merecemos alternativas de transporte público eficaces e planificadas no conxunto da comarca coruñesa, e para acadalo, é necesario impulsar á creación da Área Metropolitana.
Arteixo continúa cunhas normas urbanísticas dos anos 90, desfasadas e incapaces de dar solucións aos problemas actuais e futuros do municipio. Nós apostamos por un urbanismo inclusivo, democrático, equilibrado e seguro, onde os espazos públicos sexan de calidade e accesíbeis.
Merecemos políticas de apoio aos produtos de proximidade e ao comercio local. Políticas que aposten polas nosas aldeas e por unha relación equilibrada destas co entorno urbano, que combatan o cambio climático.
Propoñemos a creación dun mercado municipal de abastos onde se facilite a compra e venta dos produtos de Arteixo. Crear o selo Arteixo Quilómetro_0 que recoñeza a restaurantes e comercios locais que favorezan o consumo de produtos de proximidade. Queremos que esta política de Quilómetro_0 chegue aos comedores escolares e ás cafeterías de equipamentos municipais.
Crearemos a marca Horta de Arteixo que identifique todos os produtos agrarios producidos no concello sometidos a un control de calidade.
Merecemos máis servizos e menos cemento. Un Concello que garanta bos servizos municipais, de xestión pública, eficaces e con criterios de calidade, que aseguren o acceso a toda a veciñanza, con independencia da súa idade, lugar de residencia, condición física, identidade de xénero, renda ou nivel de estudos.
As persoas son o máis importante da política municipal e deben poder relacionarse coa administración de forma sinxela. Poñeremos en marcha unha Oficina de Apoio a Trámites Administrativos e melloraremos a xestión e a coordinación do Concello.
Impulsaremos o centro de maiores Donos de Nós. Un modelo que garante unha vellez en condicións dignas que favorece a vida independente e ofrece un coidado integral.
Merecemos un Arteixo que defenda e recupere o seu patrimonio e a historia, que apoie á lingua e á cultura, á creatividade, a innovación e as boas ideas. Poñeremos en marcha un museo etnográfico e un Parque da Memoria, ademais de fomentar o asociacionismo cultural e deportivo.
Aprobaremos medidas que faciliten o acceso a unha vivenda digna e con prezos asequíbeis.
Crearemos a Rede de Puntos Seguros para vítimas de violencia machista e dotaremos de medios persoais e económicos ao Centro de información á muller.
Queremos un Arteixo no que as persoas reciban a axuda que necesiten e en que se loite contra a exclusión social e as desigualdades.
Queremos un Arteixo inclusivo, diverso, en que todas as persoas se sintan seguras, queridas e respectadas.
Merecemos un Arteixo pensado para as persoas, con mellores servizos e apostar no público. Un Arteixo feminista, participativo, transparente e diverso. Un Arteixo capaz, ben xestionado e sustentábel, con impostos adaptados á capacidade económica da súa poboación. Un Arteixo coa promoción económica e o emprego, que estea a carón do comercio local, das autónomas e autónomos e das e dos creadores de Arteixo.
Arteixo, merece máis!