Publicadas as bases de axudas a autónomos e comedor escolar de Arteixo
O BNG propuxo as axudas do comedor escolar. Os autónomos poderán solicitar a axuda a partir do luns 4 de maio.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica as bases das axudas a persoas autónomas de Arteixo que tiveran que pechar os seus establecementos o 14 de marzo. O prazo para pedir a axuda comeza o vindeiro luns 4 de maio. O BNG destaca a importancia de non presentalas antes dese día. Poderase facer o trámite a través da sede electrónica ou por email, facendo a petición no correo [email protected].
Tamén están publicadas no BOP as axudas directas ás persoas beneficiarias do comedor escolar. Esta foi unha idea trasladada no seu momento polo BNG para axudar ás familias máis necesitadas do municipio. Neste caso, haberá dez días despois do remate do estado de alarma para solicitalas e presentar a documentación facendo un só trámite.
Equipamento para escolares
No Concello estase rematando a base de datos sobre o equipamento informático para as aulas dixitais. O BNG reclama que non quede ningún alumno ou alumna de Arteixo sen dispoñibilidade de medios para seguir o curso escolar.
O grupo municipal do BNG tamén solicitou que se comecen cos contactos para preparar comisión especiais, manter xuntanzas (na medida en que se poida) con representantes do comercio, obras, turismo, cultura, etc., de Arteixo. O obxectivo é unha volta á nova normalidade dun xeito coordinado e atentendo a todos os sectores. Todos os grupos da corporación de Arteixo concordaron coa proposta.