Propostas do BNG para a xestión da crise do coronavirus en Arteixo
O BNG enviará as medidas ao comité de seguimento do COVID-19 que desenvolve o Concello de Arteixo.
O BNG de Arteixo elaborou seis propostas para achegar o seu gran de area para combater a propagación do coronavirus e minimizar o impacto na calidade de vida das persoas. As medidas enviaranse ao comité de seguimento do COVID-19 que se está desenvolvendo desde o Concello de Arteixo.
O Concello adoptou, en maior ou menor medida, os puntos recollidos no Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así cmo a normativa emitida pola Xunta de Galicia. Non obstante, cremos que hai cuestións para as que o Concello de Arteixo debe adoptar solución con urxencia.
- Arbitrar as medidas necesarias para que as persoas traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio teñan o material preciso para garantir a prestación do servizo con total seguridade. Ademais, o Concello deberá estar en continuo contacto coa empresa e as empregadas de axuda no fogar para coñecer de primeira man as necesidades que ocasione esta crise e conseguir así un mellor servizo.
- Adoptar medidas de protección para as persoas en risco de exclusión social ou persoas vulnerábeis. É preciso adoptar medidas para as persoas usuarias dos Servizos Sociais e vixiar que non lles faltan nin alimentos nin os produtos sanitarios e farmacéuticos que precisan.
- Adoptar medidas para asegurar que as nenas e nenos que comían e ían a madrugadores, e que teñan problemas de vulnerabilidade, están atendidos polo Concello. Do mesmo xeito que non se suspendeu o comedor a domicilio para persoas maiores non debe deixarse de facer un servizo de axuda para estas familias con menores que poidan ter problemas de tipo social ou económico.
- Activar un servizo de axuda a persoas que poidan ter problemas para mercar alimentos e medicamentos. Este servizo ten que estar coordinado e contar coas medidas de seguridade axeitada para protexelas de calquera risco para a saúde. É evidente que hai persoas que non se poden desprazar a mercar e que viven soas, polo que é vital que o Concello adopte medidas para garantir o seu abastecemento nestes momentos de confinamento.
- Adoptar medidas para que empresas que están traballando para o Concello de Arteixo (asfaltados, mantemento) traballen só en casos de urxencia (e apliquen medidas de seguridade), algo que non se fixo até o momento.
- Esixir á residencia de maiores, na que o Concello ten unha importante achega económica, as máximas medidas de protección tanto para persoas traballadoras como usuarias.
Sumado a estas propostas, desde o BNG de Arteixo solicitamos, en tanto a situación de emerxencia e estado de alarma o permita, que se estude a contratación de persoal para ponerse ao dispor dos Servizos Sociais do municipio. Unha medida que axude a combater as consecuencias da crise sanitaria e minimizar a crise económica da sociedade arteixá.
Desde o BNG cremos fundamental minimizar a perda de calidade de vida das persoas que viven no noso Concello e das persoas máis vulnerábeis e indefensas.