Concentración do BNG a prol do medio ambiente
Con motivo do incendio activo durante dous meses e medio nas inmediacións da empresa Castro Veira, o BNG de Arteixo convoca unha concentración este sábado 18 de xaneiro, ás 12h na Avenida do Balneario de Arteixo.
O incendio estivo dous meses e medio activo en Sobe das Rivas, entre Figueiroa e O Rañal, ata que este pasado martes 14 de xaneiro quedou extinguido. O incendio chegou a unha situación tan grave que afectou á vida diaria da veciñanza, á súa calidade de vida e ao medio ambiente.
O BNG de Arteixo xa tiña difundida a presente convocatoria ante a falta de actuación do Concello. Así pois, aínda que nestes momentos o lume está apagado, o grupo municipal decide manter a concentración como acto a prol do medio ambiente en Arteixo.
A concentración servirá para esixirlle ao Concello de Arteixo medidas de vixilancia e políticas a favor do medio ambiente así como denunciar a actuación do actual Goberno neste caso: mentiras, falta de transparencia, ineficacia e inoperatividade.
Necesidade de explicacións
Desde o BNG temos dúbidas de que aínda estea o problema completamente solucionado. En todas estas semanas non se nos deu as veciñas e veciños nin unha explicación do que estaba pasando alí, nin do que se estaba queimando na planta de xestión forestal.
E máis de dous meses despois de declararse o incendio, enterámonos que a empresa ten un expediente aberto por unha denuncia xa que alí supostamente non se estaba facendo o uso para o que tiña autorización. Desde o goberno local nin unha palabra a ninguén de como se ía solucionar o problema e do que estaba pasando nin de que xestións se estaban facendo. Como vai actuar o Concello a partir de agora para impedir que este tipo de situacións sigan sucedendo en Arteixo?