O BNG solicita que se cubran as vacacións e as baixas nos centros de saúde de Arteixo
As necesidades afectan ao PAC de Arteixo e aos centros de saúde de Meicende e Vilarrodís. O BNG tramitará iniciativas parlamentarias para que a Xunta tome as medidas oportunas.
O BNG de Arteixo leva advertindo desde hai varios anos das necesidades de persoal na sanidade da localidade. Agora, o concelleiro Xurxo Couto e a deputada Mercedes Queixas anuncian iniciativas parlamamentarias para que a Xunta de Galicia faga as substitucións que se precisen.
No PAC de Arteixo as necesidades son cada vez maiores. Hai uns días, dos nove médicos e médicas que tiñan que estar prestando atención, había unicamente tres. Nalgún momento da semana, segundo informacións de varias veciñas e veciños, só dous. “É un escándalo a precarización da atención primaria por parte do goberno de Feijóo, pero tamén o mutismo do goberno local. Dous meses absolutamente perdidos desde a finalización do estado de alarma e sen tomar ningunha medida, cando xa se sabían as necesidades coas que nos iamos atopar nos centros de saúde do noso concello”, advirte o concelleiro do BNG en Arteixo Xurxo Couto.
Cando máis falla fai ter atención sanitaria de calidade, máis recorta o goberno galego. “Está claro que o PP de Feijó está aproveitando a crise da covid-19 para facer máis recortes e para privatizar a atención primaria”, opina Couto. “Nuns tempos coma estes non se pode deixar de prestar atención primaria por cuestións da covid-19. O resto das doenzas seguen existindo. Parece a escusa perfecta para abocar á nosa veciñanza á saúde privada. A Xunta ten que garantir, cos protocolos necesarios, a atención médica”, engade Couto.
O BNG explica que tampouco se están cubrindo as vacacións do persoal de administración, algo que ocorre todos os anos. Segundo explicaron veciñas e veciños de Arteixo a representantes do BNG, é imposible facer chamadas por teléfono para pedir citas. “É imposible que collan o teléfono porque non hai persoal suficiente para atender as solicitudes de cita. A xente está indo en persoa aos centros desesperada e a solución que lles dan en moitos casos é que presenten unha reclamación”, explica Xurxo Couto.
O BNG lembra que a atención primaria en Arteixo xa ten habitualmente moitas eivas (ver datos achegados ao fin da nota). “Hai só unha odontóloga e un hixienista para máis de 31.000 habitantes, faltan pediatras para atender a un dos concellos cunha das maiores taxas de natalidade de Galicia, en urxencias hai que agardar horas para ser atendido por falta de persoal…”, afirma o concelleiro.