DESDE O BNG DE ARTEIXO LEMBRAN QUE NO PERÍODO DE EXPOSICIÓN PÚBLICA PRESENTÁRONSE 3.503 ALEGACIÓNS QUE NON FORON CONTESTADAS POLA XUNTA DE GALIZA.
O BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento Galego para impedir que se cre indefensión e inseguridade na veciñanza afectada polo parque eólico de Carboeiro
O pasado 11 de xaneiro a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio climático resolveu a Declaración de impacto medioambiental do Parque eólico Carboeiro situado entre os concellos de Arteixo, Culleredo e A Laracha cuxo promotor é Green Capital Power SL cunha potencia de máis de 30 MW.
O proxecto consiste na execución dun parque eólico de 36 MW de potencia total nos concellos de Arteixo, Culleredo e A Laracha, na provincia da Coruña, composto por 8 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada (vieiros de acceso e servizo, plataformas de montaxe, gabias do cableado, subestación transformadora 30/132 kV, edificio de control e unha torre meteorolóxica).
En canto á evacuación da enerxía producida no parque, esta efectuarase desde a subestación Carboeiro 30/132 kV (que contará cun edificio de control), que se conectará a través dunha liña de 132 kV coa subestación colectora de Meirama 132/220 kV, cun prazo de execución de 11 meses.
Segundo figura na dita addenda, á cal non tivemos acceso malia térmola solicitado ao abeiro do artigo 9 do Regulamento do Parlamento, elimínanse os aeroxeradores CA03, CA04 e CA07, modifícase a localización dos aeroxeradores CA05 e CA06 e da torre meteorolóxica e a plataforma de montaxe do aeroxerador CA8 desprázase a respecto da posición inicial. Como consecuencia dos cambios anteditos modifícase tamén o trazado das gabias de cableado e dos vieiros.
O importante volume de mudanzas que a DIA recolle, a través dunha addenda que non foi publicada, volve crear indefensión e inseguridade ante unha tramitación que podería ter un alto impacto negativo na zona.
Desde o BNG pedimos a paralización do proxecto polas importantes mudanzas que se fixeron no proxecto sen que a veciñanza nin sequera puidese velas.
As iniciativas foron presentadas pola Deputada Mercedes Queixas e polos deputados Luís Bará e Daniel Pérez logo de que mantivesen un encontro cos grupos municipales do BNG de Arteixo e A Laracha