O BNG presentará iniciativas parlamentarias para mellorar a sanidade pública en Arteixo
O BNG vai rexistrar diferentes iniciativas parlamentarias para combater e minimizar as deficiencias detectadas nos centros de saúde de Arteixo. Ante as protestas continuas dos usuarios e usuarias dos centros de saúde do municipio, esixirémoslle á Xunta de Galicia melloras nestes de cara aos orzamentos da Xunta que se van aprobar.
O BNG de Arteixo destaca a falta de criterio político e organizativo nos centros de saúde, pois é fundamental cubrir as baixas e ausencias do persoal. “A covid-19 non pode ser excusa para ocultar os propósitos de acabar coa sanidade pública, precarizando a atención primaria e empurrar á xente a ir á sanidade privada”, afirma Xurxo Couto, portavoz do BNG arteixán.
O problema de Arteixo cos centros de saúde non é nada novo, pois o BNG leva 15 anos denunciando as deficiencias de persoal e capacidade da atención primaria. O crecemento de Arteixo é evidente e o propio goberno local do PP ten comentado que Arteixo pode chegar aos 50.000 habitantes en 2040. En cambio, os servizos sanitarios non aumentan. Cando se inaugurou o centro de saúde de Vilarrodís o propio presidente da Xunta dixo que o centro contaría con 50 profesionais e a día de hoxe conta só con 11. Outros centros de saúde de concellos veciños con menos poboación contan con máis persoal en ámbitos como a medicina xeral, emfermaría, pediatría, fisioterapia, matrona, odontoloxía e hixiene bucodental.
Demandas para Arteixo
Ante a situación actual no centros de saúde en Arteixo, o BNG rexistrará iniciativas parlamentarias coas seguintes propostas e demandas:
- Cubrir baixas e ausencias en medicina xeral e enfermería en épocas de vacacións ou baixas por enfermidades.
- Axillizar as citas por todas as vías posibles, incluída por internet, hoxe desactivada.
- Atención presencial con todas as medidas de seguridade pertinentes por mor da covid-19.
- Ampliación da xornada e incorporación da quenda de tarde nos centros de Meicende e Vilarrodís.
- Incorporación dun pediatra por centro.
- Incorporación dun fisioterapeuta para Meicende e outro para Arteixo centro.
- Incorporación dunha matrona para o centro de Vilarrodís.
- Incorporación dunha consulta de odontoloxía para Vilarrodís.
- Incorporación dunha consulta de radioloxía para o centro de saúde de Arteixo con médico radiólogo e o servizo de enfermaría correspondente.