O BNG pide extremar as medidas de seguridade en Arteixo
Pedirá os informes policiais das actuacións realizadas no ámbito do salón de xogos.
Ante a situación de alerta sanitaria na que se atopa Arteixo e o dispositivo policial realizado a pasada fin de semana nun salón de xogos da localidade, que supuxo a sanción a 10 persoas por incumprir a normativa sanitaria para combater a COVID-19, o BNG de Arteixo pedirá extremar as medidas de seguridade por parte da Polícia Local e os informes policiais da actuación levada a cabo.
O BNG de Arteixo xa advertiu da situación que se vive nas últimas semanas na zona do Balneario e ao redor do salón de xogos. Así, os nacionalistas emitiron un comunicado o pasado 10 de outubro no que denunciaban o perigo para a veciñanza das aglomeracións e botellóns que se estaban levando a cabo na localidade.
O BNG critica que o goberno local do PP e, en concreto, a concellaría de Seguridade, non tome medidas máis drásticas para protexer a veciñanza nesta situación de alerta. “Agardemos que non pase nada grave a nivel enfrontamentos nin que haxa un rebrote que nos confine na casa. Isto sería a morte para varios sectores económicos do Concello, como comercio e hostalaría. Precisamos de gobernantes que non lles trema o pulso á hora de tomar decisións”, afirma Xurxo Couto, portavoz do BNG en Arteixo. “Semella que o PP non quere ver as problemáticas que hai en Arteixo e que nos poden levar a un confinamento”, continúa Couto.
Segundo a Xunta, Arteixo está en alerta 3, nivel máximo, ademais de situarse entre os 10 concellos con maior risco. Tendo en conta esta situación así como os acontecementos que se están a desenvolver (botellóns, aglomeracións fóra de hora, liortas…), “o goberno local ten que tomar as rendas da situación e deixarse de mirar cara outro lado”, afirma Couto.
Cada vez son máis os veciños e veciñas que se poñen en contacto co BNG para mostrar a súa indignación polos acontecementos e pola falta de responsabilidade do goberno de Calvelo, que fai ouvidos xordos cando a veciñanza lle pide solucións. O BNG de Arteixo seguirá pedindo explicacións do acontecido e tamén das medidas que se pretenden tomar para controlar a situación.