O BNG participa no Comité de Seguimento do COVID-19 de Arteixo
Os concelleiros Xurxo Couto e Raúl Fernández forman parte deste comité.
03 abr. 2020 - 11:32
O BNG participou onte xoves 2 de abril na última xuntanza do Comité de Seguimento do COVID-19 do Concello de Arteixo, un comité do que forman parte os concelleiros Xurxo Couto e Raúl Fernández. Desde o BNG facemos un resumo dos temas tratados achegando o noso posicionamento aos mesmos:
- Apoiamos un modificado de crédito a conta do remanente para ser utilizado na atención social aos máis necesitados na crise actual. Ademais expresamos a necesidade de que o Estado elimine a normativa aprobada por Montoro que impide a utilización do superávit nas administracións públicas e, polo tanto, a superación do teito de gasto e a taxa de reposición á hora de atender as necesidades socioeconómicas no contexto actual.
- Preguntamos polas condicións en garantías de protección (EPI’s e protocolos) e formación dos profesionais que visitan en domicilios a persoas doentes ou as que atenden a persoas positivas ou con síntomas. Na reunión aseguróusenos que actualmente as traballadoras do SAF (Servizo de Axuda ao Fogar) e dos centros de maiores xa dispoñen dos equipos necesarios.
- Expresamos a nosa preocupación pola situación das mulleres afectadas pola violencia de xénero, situación agravada polo actual confinamento e a dificultade do recurso telefónico para a petición de axuda. Fixose ver a necesidade dun protocolo específico para afrontar a situación así como a disposición de casas de acollida ou mesmo hoteis onde poidan ser acollidas.
- Preguntamos pola adopción de protocolos na recollida de lixo en xeral e específicos naqueles lugares onde habiten persoas afectadas. Desde o comité aseguraron que se están a implementar.
- Pedimos que toda o contido da páxina web referida á crise se centralizara nun banner específico para facilitar a transparencia e o acceso á información e así se vai atender a petición.