O BNG leva a pleno unha moción sobre a mobilidade urbana en Arteixo
Achegará así propostas reais ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS).
O BNG de Arteixo achega propostas ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) a través dunha moción que presentará no vindeiro pleno de outubro.
O cambio climático é unha realidade incuestionable que cómpre atallar. Un dos aspectos sobre o cal podemos actuar é o da mobilidade sostible. O BNG cre que o Concello de Arteixo, desde a súa responsabilidade, debe actuar de xeito inmediato para que a veciñanza opte por un modelo de desprazamento sostible e respectuoso co medio. Ao tempo, a administración local debe adoptar modelos de comportamento que sirvan como exemplo a seguir.
Está ben deseñar e poñer en funcionamento un Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) pero hai que tomalo moi en serio e como unha das prioridades máis importantes da acción política. O BNG cre que non pode quedar nun medio para acadar unhas subvencións europeas e limitarse a cumprir os trámites.
Por iso, o BNG presentará no pleno de outubro unha moción para a adopción de diferentes acordos. En primeiro lugar, establecer como prioritaria a mobilidade peonil, construíndo as vías e camiños precisos, onde estea garantida a seguridade dos escolares, traballadores e veciñanza en xeral.
O BNG tamén propón establecer rutas peonís seguras cara aos polígonos industriais de Arteixo e construír beirarrúas e ampliar as existentes para uns desprazamentos cómodos e seguros. A mobilidade peonil complétase co deseño duun “Metrominuto” en Arteixo.
Ademais, o BNG quere construír carrís bici, de forma estruturada e dirixida a unha real mobilidade alternativa, complementando os existentes e eliminando os seus puntos conflitivos. Relacionado con isto, proponse implantar puntos de préstamo de bicicletas, parte delas eléctricas.
Outro punto importante é relegar, en todas as vías que sexa posible, os vehículos motorizados e establecer aparcamentos alternativos e disuasorios, mantendo acordos cos propietarios dos solares sen aproveitamento. Así mesmo, compre establecer puntos de carga de vehículos eléctricos.
En canto ao parque municipal de vehículos, o BNG pide que, na renovación ou compra destes, se opte en primeiro lugar por vehículos eléctricos ou por vehículos máis ecolóxicos.
Finalmente, cumprindo todos os acordos citados, o BNG pretende integrar ao Concello de Arteixo na “Rede de cidades que camiñan” e na “Rede de cidades pola bicicleta”. O obxectivo é conseguir un Arteixo para as persoas, preocupado polo medio ambiente e máis sostible.