O BNG leva ao Parlamento galego a situación dos centros de saúde de Arteixo
Desde o BNG estamos a recoller un aumento das protestas dos usuarios e usuarias dos centros de saúde en Arteixo e por iso denunciamos que a covid-19 non pode ser escusa para ocultar os propósitos de continuar a devaluar a sanidade pública, precarizando a atención primaria e empurrando a xente a acudir á sanidade privada desde a falsa conciencia creada de que o servizo público non é útil nin eficaz. Ante a grave situación vivida na actualidade, o BNG rexistrou unha iniciativa parlamentaria co fin de mellorar a sanidade pública en Arteixo.
O BNG de Arteixo ten denunciado en diferentes ocasión as deficiencias da sanidade local e a falta de investimento por parte da Xunta de Galicia nos tres centros de saúde da localidade. Cómpre que os centros de Meicende e Vilarrodís amplíen a súa xornada e incorporen a quenda de tarde. Na actualidade, só teñen horario de mañá e precisarían un médico de medicina xeral de tarde en cada un dos centros máis unha consulta de enfermaría adxudicada a cada médico. Así mesmo, é precisa a incorporación dunha praza de pediatría para que cada centro teña o seu, sen necesidade de limitar este servizo tan importante en Arteixo a un único profesional compartido polos dous centros de saúde.
A apertura do terceiro e último centro de saúde de Vilarrodís, contra o que cabía agardar, non supuxo o afortalamento da rede de saúde pública municipal. Cando se inaugurou o Centro de Saúde de Vilarrodís o 2 de agosto de 2016, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo que o centro sanitario contaría con 50 profesionais. A día de hoxe conta só con 11. Tamén comprometeu 7 consultas de medicina xeral, mais aínda hoxe só son 3, ao igual que en enfermaría. En definitiva, Arteixo contou cun novo centro de saúde que, en absoluto, supuxo a ampliación da oferta de medicina familiar nin de especialidades. Un novo continente construído que non ofrece os contidos de atención sanitaria precisos e demandados pola cidadanía nin moito menos complementa a oferta dos dous centros xa existentes.
Necesidades e peticións
A iniciativa parlamentaria presentada polo BNG insta á Xunta de Galicia a atender debidamente, conforme a radiografía demográfica ascendente do concello de Arteixo, o coidado da saúde das usuarias cubrindo as ausencias en medicina xeral e enfermaría en épocas de vacacións ou baixas por enfermidades, axilizando as citas por todas as vías posibles, incluída por internet, hoxe desactivada, e recuperando a atención presencial con todas as medidas de seguridade pertinentes por mor do covid-19. Ademais, o BNG solicita ampliar a xornada na quenda de tarde para os centros que non a ofrecen e completar a oferta do cadro médico coas necesarias prazas de enfermaría, matrona, pediatría, radioloxía, odontoloxía e hixiene buco-dental.
Finalmente, rexistramos diferentes preguntas sobre as deficiencias comentadas nos centros de saúde de Arteixo para a súa resposta por escrito. Por exemplo, preguntou sobre se considera a Xunta suficiente un pediatra para dous centros nun municipio con alta taxa de poboación infantil e adolescente, cando vai cumprir a palabra de dotar de persoal o centro de Vilarrodís ou cando se vai recuperar a atención presencial con seguridade.