O BNG denuncia o mal estado do parque do Seixedo
O BNG de Arteixo quere denunciar publicamente o estado no que se atopa o parque do Seixedo en Arteixo. O parque é zona de lecer dos habitantes de Arteixo e está nunhas condicións lamentables.
Cun paseo polo parque podemos atopar numerosas deficiencias que poñen en perigo á veciñanza, tanto nenos e nenas como maiores. Obsérvanse valados de obra postos polo Concello diante das deficiencias. E xa non son obras transitorias nin momentáneas posto que xa levan varios meses nese estado. Ademais, existen enchufes descuberto á altura e alcance de crianzas e mascotas. Estes poden ocasionar algún desgusto no caso de que os paneis solares funcionen. Non obstante, ante o deterioro de materiais observado, tamén dubidamos de que estes paneis estean en funcionamento.
Por outra parte, a pasarela que cruza O Seixedo xa precisa reparacións importantes antes da súa inauguración.
Tamén o camiño está desfeito por tramos, chegando a ser case inexistente nalgunhas zonas. Así mesmo, as pontes que cruzan o río atópanse en malas condicións, faltando travesas de madeira, co perigo para as persoas de tropezar e caer. Ademais, existen derrubamentos das beiras do camiño froito das medras de caudal do río en inverno.
Finalmente, o Concello non retirou as podas feitas hai uns meses e, aínda hoxe, podemos atopar as árbores cortadas.
Por todo iso, desde o BNG queremos denunciar o mal estado do parque do Seixedo e o desinterese do goberno do PP de Arteixo por manter coidadas as zonas de lecer de Arteixo.