O BNG de Arteixo solicita obras e compra de mobiliario para a escola de Rorís
O BNG de Arteixo solicita ao Concello de Arteixo que adquira mobiliario e faga obras na escola de Rorís, na parroquia de Armentón. Na solicitude rexistrada pide, ademais, que estas se fagan na maior brevidade posible para que a calidade do ensino na parroquia non se vexa mermada.
A escola de Rorís ten detectadas diferentes deficiencias, como a falta de timbre teleporteiro ou a saída adaptada ao patio (para salvar o desnivel non hai nin varanda). Pola súa parte, no interior, tampouco hai espazo para gardar material didáctico, sendo os medios e recursos didácticos dos primeiros ensinos moi voluminosos. Nin sequera hai armarios nas clases, polo que o BNG esixe que se incorporen ao mobiliario do colexio. Finalmente, no piso superior tampouco hai persianas e/ou cortinas, algo que si contan na planta baixa.
O BNG sabe que toda obra ou compra de material debería ser realizado pola Xunta de Galicia. Con todo, tamén advirte da súa falta de responsabilidade e deixadez nestas funcións, avalada habitualmente polo goberno municipal de Arteixo, que ten suplido estas tarefas noutros colexios e institutos do municipio. Polo tanto, para non deixar de lado ao alumnado de Rorís, cómpre subsanar as deficiencias da escola do lugar na maior brevidade posible.