O BNG de Arteixo denuncia a adquisición dunha pick up para Protección Civil que incumpre o prego de contratación
O BNG solicitará un informe técnico e xurídico do contrato.
O BNG de Arteixo tivo coñecemento de que a adquisición por parte do Concello de Arteixo dunha pick up para a Protección Civil incumpre as especificidades técnicas do prego de contratación, sen que conste en ningunha das actas públicas que están ao acceso do público na plataforma de contratación.
O expediente de contratación iniciouse en outubro de 2018 coa denominación de “Adquisición por renting de dous vehículos para a policía local (lote 1) e un vehículo pick up (lote 2)”. Segundo a memoria xustificativa deste contrato, a adquisición deste vehículo era necesario para o desenvolvemento das funcións do departamento de emerxencias e protección civil e engadía: “dada a natureza dos traballos que se desenvolven neste departamento, o vehículo ten que reunir unha serie de características específicas que permitan o desprazamento por difícile accesos e, ao mesmo tempo, poder levar diverso material para as emerxencias, polo que se precisa un vehículo todoterreo pick-up. Considérase este a mellor opción para o desenvolvemento dos cometidos ao que será destinado, tanto pola súa capacidad de carga, transporte de persoas e adaptación aos distintos terreos nos que será utilizado”.
O BNG puido comprobar, coa documentación entregada co vehículo, que hai varios aspectos que non cumpren nin coinciden co prego de prescricións técnicas. Os aspectos que se incumpren son os seguintes:
- O prego decía que a cilindrada do motor tiña que ter como mínimo 2.500 CC mais en realidade a documentación indica unha ben distinta.
- A potencia mínima que se pedía no prego é de 140 CV mínimo mais o coche entregado ten bastante menos.
- Na parte traseira tiña que ter 2 portas laterais tipo persiana mais o que ten son portóns.
- Os asentos traseiros tiñan que ser sen respaldo e adaptados para dous equipos autónomos de respiración, pero non o cumpre.
- Falta o sistema entroboscópico de catro luces brancas e as luces de dirección traseiras en barra de 8 de led.
- O coche tiña que ter elementos sinalizadores propios do equipos de emerxencia e os accesorios pero tampouco os ten. Tampouco ten rotulación de alta visibilidade.
Tras ter coñecemento desta información, o BNG de Arteixo vai pedir un informe técnico e outro xurídico a respecto destes incumprimentos, tendo en conta que ao concurso se presentaron outras catro empresas e, polo tanto, haberá que saber as consecuencias que podería ter.
Finalmente, desde o BNG tamén chaman a atención sobre a duración do procedemento, que se prolongou ao redor de 15 meses, e en que houbo 7 xuntanzas da mesa de contratación, que foi presidida ata por catro concelleiro/as do PP diferentes en todo o proceso.