O BNG analiza as inquedanzas da veciñanza de Oseiro
A maior preocupación dos veciños e veciñas de Oseiro é a mellora na seguridade viaria.
09 feb. 2022 - 13:48
Os concelleiros do BNG en Arteixo, Xurxo Couto e Raúl Fernández, reuníronse coa veciñanza no Centro Social de Oseiro. Estas son as principais conclusións achegadas polas persoas asistentes:
- Mellorar a seguridade na AC-415 á altura de Oseiro, cun paso de peóns á altura da travesía de Oseiro ou nas súas inmediacións. Debería implicar accións complementarias como as bandas rugosas á altura da rúa da Viña para baixar de xeito efectivo a velocidade dos vehículos na curva.
- Refacer e cambiar algúns pintados para mellorar a seguridade viaria, así como os accesos e saídas das casas e garaxes.
- Marquesina de bus no ancheamento da estrada á altura da fonte, pois agora o bus ten que facer interromper o tráfico durante a súa parada.
- Apertura e programa de actividades no Centro Social de San Tirso. Un local novo ao que non se pode acceder. Hai moita xente maior que ás tardes pasea na contorna do local. Isto coincide coa nosa proposta de activar os centros sociais e dotalos de persoal dinamizador (aprobada no pasado pleno de xaneiro).
- Maior comunicación coas entidades veciñais e potenciar a súa unión para reforzar o seu papel dinamizador nas parroquias e lugares de Arteixo.
O BNG analizará estas propostas veciñais para trasladalas ao Concello ou levalas a pleno.