Aprobadas por unanimidade as mocións do BNG sobre a dinamización dos centros sociais e a creación da aula CeMIT
O pleno ordinario de xaneiro, celebrado este xoves 27, aprobou por unanimidade as dúas mocións presentadas polo BNG de Arteixo. Dunha parte, o BNG logra que a corporación municipal e o goberno local se comprometa cun proxecto de dinamización dos centros sociais do municipio. Arteixo conta cunha importante dotación de locais pero, lamentablemente, a súa utilización non responde ás expectativas, estando moitos deles pechados. Os nacionalistas están a favor da construción dos edificios pero esta debe ir acompañada da súa dinamización. A moción aprobada solicita a dotación de persoal especializado que se encargue da súa custodia, apertura, peche e realización de todo tipo de actividades lúdicas, sociais, culturais e / ou deportivas.
No pleno de hoxe tamén quedou aprobada a moción para solicitar a incorporación do Concello de Arteixo á Rede de Aulas CeMIT, asumindo os compromisos relacionados no convenio de colaboración entre a Amtega e a Fegamp para o desenvolvemento do Plan de Inclusión Dixital no eido da administración local.
O BNG apoiou a moción do PP sobre o investimento en Arteixo da plusvalía da venda dunha parcela en Sabón por parte do goberno do Estado. O goberno propón agora unha obra para conectar co porto exterior e apartar o tráfico pesado de Meicende e Pastoriza. Nesta liña, o BNG xa levou o pasado ano unha emenda aos orzamentos de 2022 do Estado para esta mesma obra e por un valor de 6.700.000 euros.
Rogos e preguntas
O BNG de Arteixo demandou un novo prego de contratación para o servizo de aglomerado asfáltico e o goberno do PP contestou que se fará nas próximas semanas.
Ante o rogo para a construción do tramo na senda peonil do Rañal, o goberno culpou a un veciño de que non se remataran os últimos 150 metros para conectar co aparcamento da praia. Non obstante, o BNG considera que o Concello ten os instrumentos precisos para rematar a obra e dar por acabadas as beirarrúas do Rañal.
Finalmente, o BNG preguntou polos parques eólicos mariños, ante a preocupación é importante debido ás liñas de evacuación terrestres e liñas de alta tensión. Desde o goberno do PP dixeron que non teñen coñecemento de ningunha solicitude por parte dos promotores dos parques Nordés e San Brandán. Desde o BNG estudarán o proxecto para informar á cidadanía.