O BNG esixe habilitar unha área para autocaravanas en Arteixo
É unha solicitude que o grupo municipal leva facendo desde 2017
O BNG de Arteixo volve esixir a construción dun aparcamento para autocaravanas no municipio. É unha demanda que o BNG leva facendo desde 2017 mais, cinco anos despois, o goberno local segue sen realizar.
O pasado ano, trala pandemia, detectouse un incremento deste tipo de turismo e o BNG levou de novo a pleno a proposta. “O goberno do PP dixo que o terían en conta para facernos calar, porque facer non fixo nada”, comenta Xurxo Couto, portavoz do BNG.
O turismo de autocaravana medrou un 120% e, no mercado de aluguer, case non hai dispoñibilidade ante a gran demanda. Cada vez hai máis autocaravanas de paso por Arteixo, sobre todo nas fins de semana. En cambio, o municipio non ofrece ningún servizo para eles. “Hai que habilitar instalacións en Arteixo para este tipo de turismo. Isto atraería un maior número de visitantes á localidade, dinamizando o turismo, a hostalaría e o comercio local”, explica Couto.