O BNG volve demandar un aparcamento para autocaravanas en Arteixo
É unha proposta que leva facendo desde 2017 e agora, co aumento deste tipo de turismo, faise máis necesaria.
O BNG de Arteixo volve demandar a construción dun aparcamento para autocaravanas no municipio. É unha antiga proposta dos nacionalistas que data de 2017, en previsión do aumento deste tipo de turismo. Agora, xa desde que comezou a pandemia en 2020, o turismo de autocaravanas é unha das preferencias dos viaxeiros. Deste xeito, non pode deixarse de lado en Arteixo, pois atraería un maior número de visitantes á localidade, dinamizando o turismo, a hostalaría e o comercio local.
O BNG propón habilitar unha zona de aparcamento de máximo 72 horas e un servizo de parada técnica onde as persoas usuarias poidan baleirar augas residuais, encher de auga potábel e permanecer por un tempo limitado. “Se xa demandamos esta área para autocaravanas en 2017 ante a crecente demanda deste tipo de turismo, agora en 2021 faise imprescindible”, comenta Xurxo Couto, portavoz do BNG en Arteixo.
O goberno do PP de Calvelo comprometeuse en 2019 a facer un estudo para a construción do aparcamento e, porén, a día de hoxe non fixo nada. O BNG pretende volver a levar o tema a pleno, cunha proposta máis elaborada que teña en conta a diferentes grupos de interese como asociacións de cámpings, de usuarios de caravanas e comerciantes da localidade.