Aprobadas as mocións do BNG sobre o modelo eólico e o fomento do galego na policía local
O BNG de Arteixo levou ao pleno de maio dúas mocións, unha relativa á esixencia dun modelo eólico sostible e non depredador de Galiza e outra sobre promoción do galego como lingua xurídica e administrativa na Policía Local. As dúas foron aprobadas polo pleno da corporación de Arteixo.
Grazas á moción do BNG, Arteixo votou a favor dun modelo eólico sostible que free os lobbies e fondos de investimento que pretenden construír grandes parques eólicos saltándose os trámites medioambientais sen ningún retorno social antes de que se aprobe o POEM (Plan de Ordenación dos Espazos Mariños). O acordo tamén pretendía que, xa que o noso territorio ha de soportar os impactos sociais e ambientais da produción eléctrica, se esixa unha compensación como a tarifa eléctrica galega, solicitando ademais que a maioría das liñas de evacuación discorran soterradas polo concello, rexeitando as “portas xiratorias”. Finalmente, o concello deberá dar o apoio pertinente aos colectivos e veciñanza afectados para apostar pola máxima transparencia e asesoramento.
Relacionado coa moción da enerxía eólica, o BNG levou a pleno un rogo sobre a situación do parque eólico de Carboeiro. Xa hai veciños de Arteixo afectados e teñen un mes para poder presentar alegacións sobre a instalación do parque eólico nas súas propiedades. Segundo se confirmou, o Concello tamén vai alegar e acordouse convocar unha Xunta de Portavoces para tratar este tema.
O BNG volveu levar a pleno a contaminación en Barrañán e o Concello comprometeuse a darlle solución ao problema investigando os casos de vertidos que poida haber na cunca de Chamín e facer as analíticas de augas para ir solucionando a contaminación da praia e ría de Barrañán.
Finalmente, en canto á praza de Meicende, onde o BNG recordou que faltan porterías e canastras, o goberno local asegurou que xa os tiñan mercados e que deixarían pasar as festas para colocalas.