O BNG levará a pleno a necesidade dun modelo eólico sostible

Novo trazado alternativo liña alta tensión en Arteixo proposto pola empresa.
Novo trazado alternativo liña alta tensión en Arteixo proposto pola empresa.
Os nacionalistas están preocupados pola falta de noticias sobre o proxecto da Liña de Alta Tensión e os campos eólicos mariños que afectan a Arteixo.
O BNG levará a pleno a necesidade dun modelo eólico sostible

O BNG de Arteixo leva ao vindeiro pleno de Arteixo, que se celebra o xoves 26 de maio, unha moción relativa á esixencia dun modelo eólico sostible e non depredador de Galiza.

O modelo enerxético que está a promover o Goberno do Estado, pretende especializar de novo a Galiza na produción de enerxía eléctrica a gran escala e, en boa medida, para o resto do Estado español. Xa hoxe o 33% da electricidade producida no país se envía para fóra. Na actualidade, Galiza vese ameazada con máis de 200 proxectos de macro parques eólicos de grande impacto que afectan a zonas de alto valor ambiental e terras agrícolas ou patrimonio. Ademais, está presente unha ameaza para o sector pesqueiro debido á instalación de parques eólicos mariños no litoral galego.

Arteixo vese enormemente afectado por este desenvolvemento depredador das eléctricas. “É necesario poñer os límites oportunos, así como unha tarifa galega propia. E ademais en Arteixo estamos preocupados pola falta de noticias sobre a Liña de Alta Tensión que atravesaría a zona sur do concello así como a proliferación de campos eólicos mariños”, comenta o concelleiro Xurxo Couto.

O BNG considera necesario fixar unha postura conxunta diante destes feitos e leva ao pleno de maio unha moción para reclamar diante do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza un modelo eólico sostible e “non depredador”, fuxindo dos grandes parques eólicos e promovendo un modelo de xeración distribuída, con retorno social, sen impacto ambiental e próximo aos centros de consumo.

Ademais, entre os acordos suxeridos está o de rexeitar a instalación dos varios parques eólicos mariños previstos na costa galega antes de realizar un estudo de impacto no sector pesqueiro e no medio ambiente. Tamén reclamar para Galiza unha tarifa propia máis baixa para compensar o impacto no territorio.

No referente a Arteixo, o BNG solicita que, na medida do posible, todas as liñas de evacuación que discorran polo municipio sexan soterradas e que o Concello apoie os colectivos e a veciñanza afectados pola instalación de estruturas de aproveitamento enerxético.

 

O BNG levará a pleno a necesidade dun modelo eólico sostible