Aprobada en pleno, coa abstención do PP, a moción do BNG sobre os orzamentos do Estado para investir en Arteixo

Aprobada en pleno, coa abstención do PP, a moción do BNG sobre os orzamentos do Estado para investir en Arteixo
Aprobada en pleno, coa abstención do PP, a moción do BNG sobre os orzamentos do Estado para investir en Arteixo

O BNG tamén presentou unha moción sobre a recuperación da radio local municipal, rexeitada polo PP

Aprobada en pleno, coa abstención do PP, a moción do BNG sobre os orzamentos do Estado para investir en Arteixo

O BNG de Arteixo presentou no pleno ordinario de novembro unha moción sobre os orzamentos do estado para 2021. Estas emendas parciais aos orzamentos xerais do Estado contemplan un investimento global en Arteixo por valor de 15.400.000 euros. O PP, a pesar deste grande investimento que suporía no municipio, foi incapaz de votar a favor. En realidade, non votou a moción, polo que consta como abstención. Así, a moción saíu aprobada finalmente no pleno. Foi unha cuestión de moito debate e polémica, cunha “pataleta” por parte do goberno do PP que ata lle propuxo ao BNG incluír a súa moción da vía de Meicende para debater no Congreso. Co cal, enténdese que o PP de Arteixo confía máis na capacidade de negociación do deputado do BNG Néstor Rego ca nos seus propios deputados.

O BNG tamén presentou outra moción para a recuperación da radio local municipal, adaptándoa aos novos tempos e como un medio aberto, colaborativo e participativo. Son moitos os veciños e veciñas que a demandan, sobre todo de maior idade e no rural. O PP votou en contra, argumentando que a radio é un medio do pasado e hai que mirar polas novas tecnoloxías. En cambio, desde o peche da radio en 2011 o concello de Arteixo non apostou nunca polas novas tecnoloxías da información para toda a veciñanza.

Rogos e preguntas

Aínda que todos os días do ano deberiamos estar en alerta contra esta lacra, onte conmemorouse o Día Contra a Violencia de Xénero. Soubemos pola prensa que o CIM atendeu a 44 mulleres no que vai de ano. Por iso, o BNG aproveitou para preguntar no pleno como afronta o departamento de Servizos Sociais estes datos, así como se teñen pensado de dotar de máis recursos o CIM ou se teñen en mente ou en marcha algún proxecto. A única resposta do PP é que xa hai unha traballadora social e que están controlando os casos existentes. Desde o BNG pedimos uns orzamentos máis sociais e que se incremente o capital humano e os recursos económicos destinados a loitar contra a violencia de xénero en Arteixo.

Tamén preguntamos se a pick up de Protección Civil xa estaba, pasados case dous meses da nosa solicitude por rexistro, conforme ás condicións técnicas dos pregos. Semella que todas as deficiencias están solucionadas, agás o da cilindrada, pero que xa se puxeron en contacto co vendedor para que arranxe isto e incorpore a cilindrada que contén o prego ou cambie a furgoneta.

En canto aos rogos, o BNG pedimos ao Concello que dote o lugar da Catuxa de papeleiras e de diverso mobiliario urbano, como bancos e iluminación axeitada. O goberno comprometeuse a facelo.

Por outra parte, pedimos ao Concello de Arteixo que supla as deficiencias detectadas na escola de Rorís, algo que xa solicitamos por rexistro semanas atrás. Contestaron que xa o están facendo.

Axudas COVID-19

O BNG apoiou as medidas do goberno de Arteixo para modificar a normativa da recollida do lixo para que a hostalaría non pague durante 2020 as taxas do lixo. Ademais, o BNG propuxo facer o mesmo no primeiro semestre de 2021, pois entendemos que a crise económica derivada da covid-19 non rematará a finais de ano.

O BNG tamén votou a favor das axudas para autónomos e microempresas afectadas polo novo estado de alarma e as medidas restritivas da Xunta do 4 de novembro.

Así mesmo, o BNG votou a favor dunha moción do PP para instar ao goberno a construír o enlace do Porto Exterior coa autovía para evitar o tráfico pesado de mercadorías perigosas por Meicende.

Estes votos a favor demostran que o BNG sabe estar, por responsabilidade, cando a veciñanza de Arteixo precisa da unión para conseguir medidas que solventen ou minimicen as necesidades do municipio e da súa xente.

 

 

Aprobada en pleno, coa abstención do PP, a moción do BNG sobre os orzamentos do Estado para investir en Arteixo