Aprobada a moción do BNG para a defensa dun modelo eólico sustentábel

Pleno maio 2021
Pleno maio 2021

O PP non contestou debidamente ás preguntas e rogos do BNG no pleno de maio, aínda que quedou manifesto que non está aprobado definitivamente o inventario de bens municipais.

Aprobada a moción do BNG para a defensa dun modelo eólico sustentábel

Este xoves 27 de maio tivo lugar o pleno ordinario de maio de Arteixo. O BNG de Arteixo presentou unha moción en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentábel, xusta e galega fronte ao espolio e a depredación, que foi aprobada coa abstención do PP.

As grandes empresas do oligopolio eléctrico e os gobernos da Xunta e do Estado están a aproveitar a necesidade de desenvolver unha transición enerxética para repetir a historia: facer que Galiza sexa unha gran produtora de enerxía sen capacidade decisión. Aínda que Galiza nunca antes xerou tanta enerxía eólica (no 2020 foi a segunda comunidade do Estado), non obtén un retorno xusto que compense o impacto social e ambiental. A moción insta, en resumo, a desenvolver e aprobar un novo marco regulamentario do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais, a comezar un novo Plan Sectorial Eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados (asociacións veciñais, agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación, comunidades de montes, etc.) e a ter un amplo proceso de exposición pública, co fin de suscitar o maior consenso posíbel.

Rogos e preguntas

O PP non contestou convenientemente a ningunha das preguntas e rogos do BNG e o alcalde dedicouse a faltar ao respecto e insultar aos membros da corporación.

No referente aos rogos, tras saber que o Concello volve ter que pagar unha indemnización de 270.000 euros, o BNG pediu que se respondese cando coñeceu o goberno esta sentenza e se hai máis que agoche, así como cando vai levar o tema aos tribunais superiores, como fai noutras sentenzas, para que paguen os que provocaron estas irregularidades. Ademais, o BNG retomou o tema do aparcamento de camións no Rañal, rogando que o Concello se reúna co empresariado para buscar solución, así como outras melloras na zona como realizar obras para finalizar a beirarrúa polo Rañal até o aparcamento da praia, proxectar as beirarrúas interiores do polígono e un centro social en condicións.

No que corresponde ás preguntas, o BNG preguntou cando se acometerán as melloras precisas en Pastoriza (estado lamentábel de Barrionovo, o parque de Monticaño, a promesa electoral do PP do comedor no colexio de Barrionovo, medidas de seguridade e limpeza na contorna da Galiña Azul, IES Pastoriza e CEIP Galán…).

O BNG volveu a levar o tema do inventario de bens municipais en tanto considera que non pode estar aprobado definitivamente, pois non se responderán as alegacións. A resposta do PP foi contraditoria, dicindo que estaba aprobado á vez que confirmou que faltaba respostar as alegacións.  Goberno recoñeceu así mesmo que non o remitiran á Xunta como é preceptivo unha vez aprobado. Polo tanto, obviamente non está aprobado definitivamente.

Outros temas

O BNG de Arteixo apoiou os acordos tomados polo pleno ao respecto da instalación de puntos de carga de vehículos eléctricos, da reactivación da atención primaria presencial nos centros de saúde, da plena conectividade a internet en todo o territorio de Arteixo e da denuncia da exclusión das axudas para os concellos galegos entre 20.000 e 50.000 habitantes en temas de mobilidade no plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Aprobada a moción do BNG para a defensa dun modelo eólico sustentábel