O BNG mostra o seu apoio á hostalaría de Arteixo

Os hostaleiros de Arteixo cren que o goberno local os
Os hostaleiros denuncian a indefensión do sector ante as restricións impostas desde a Xunta de Galicia.
Os nacionalistas piden a convocatoria dunha mesa de reactivación da economía local.
O BNG mostra o seu apoio á hostalaría de Arteixo

O BNG de Arteixo quere mostrar o seu apoio ao sector da hostalaría de Arteixo tras o comunicado recibido por parte do Centro Comercial Aberto da localidade. Neste, os hostaleiros denuncian a indefensión do sector ante as restricións impostas desde a Xunta de Galicia.

A hostalaría de Arteixo está nunha situación crítica trala imposición das medidas máis restritivas de toda Galicia por parte da Xunta. A ausencia de previsión deixou ao sector nunha situación de inseguridade que se viu agravada pola falta de comunicación directa da Xunta e do Concello. Desde o BNG vemos con preocupación a falta de criterio da Xunta á hora de tomar medidas. Hai que implantar medidas sanitarias pero minimizando o risco para as empresas locais.

A concellaría de seguridade do Concello de Arteixo tampuco estivo á altura nesta situación de crise, pois non houbo un control para asegurar o cumprimento das medidas impostas pola Xunta, deixando a labor de “policía” aos propios hostaleiros. Ademais, o goberno do PP tampouco se atreve a afrontar unha ordenanza de terrazas seria, na súa liña habitual de non regulamentar nada.

Deste xeito, os hostaleiros de Arteixo entenden que o Concello tampouco asumiu a súa responsabilidade e reclaman que o goberno municipal tome a iniciativa para atallar estes problemas. O Centro Comercial Aberto de Arteixo cre necesaria unha mesa para a reactivación da economía local na que participen todos os axentes sociais relevantes e na que deberían acordarse as axudas que se establezan antes da súa publicación. O BNG apoia a celebración desta mesa para apoiar e reactivar os negocios do comercio e hostalaría locais.

Finalmente, para afondar no problema da hostalaría en Arteixo e reclamar maior transparencia, o BNG preguntará na próxima xunta de portavoces e no pleno de setembro cal é o procedemento que se segue en Arteixo para a apertura de locais comerciais.

O BNG mostra o seu apoio á hostalaría de Arteixo