O BNG aposta por unha candidatura comprometida co benestar da veciñanza de Arteixo

IMG-4290
O primeiro tramo da candidatura do BNG Arteixo e os candidatos ao Congreso polo BNG no acto público do 12 de abril.

O BNG de Arteixo presentou hoxe o primeiro tramo da candidatura para as municipais do vindeiro 26 de maio. Xurxo Couto, actual concelleiro, é o número 1 da lista e candidato á alcaldía.

O BNG aposta por unha candidatura comprometida co benestar da veciñanza de Arteixo

O BNG de Arteixo presentou o primeiro tramo da súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais do 26 de maio nun acto público que ateigou o auditorio do Centro de Novas Tecnoloxías da localidade. Un total de seis nomes forman parte deste primeiro avance da candidatura, encabezada polo actual concelleiro nacionalista, Xurxo Couto.

Xurxo Couto é o único que repite nas primeiras posicións de lista, presentando o BNG de Arteixo un primeiro tramo renovado, de futuro, con xente nova, ilusionada e disposta a traballar pola calidade de vida dos veciños e veciñas de Arteixo. O resto de nomes que acompañan a Couto nunha candidatura paritaria son Raúl Fernández, de Morás (número 2); Lara Vieites, de Meicende (número 3); Alberto Abeleira, do Rañal (número 4); Paula Gutiérrez, de Arteixo (número 5), e Celia Regueira, de Chamín (número 6).

Durante o acto de presentación, Xurxo Couto avanzou algunha das ideas claras do programa do BNG de Arteixo, como son a planificación, o medio ambiente, o benestar social e a cultura. O candidato nacionalista resaltou a necesidade dun Arteixo de futuro e do século XXI, "un Concello para traballar e para vivir con calidade de vida, dinámico e emprendedor pero tamén san e limpo, onde non teñamos que sufrir deficiencias nos servizos básicos como a auga e o lixo".

Outra idea clave do pograma do BNG de Arteixo é a transparencia e a participación cidadá. "Temos as ideas claras e sabemos como afrontar os retos coa ilusión, firmeza e responsabilidade que se merece a nosa veciñanza,  coa que tamén contaremos", afirmou Couto.

Como parte desta idea de participación, o BNG habilitou un formulario anónimo na web e redes sociais chamado "O Arteixo que precisamos" para que a veciñanza envíe as súas inquedanzas. As suxestións valoraranse para poder incluír as preocupacións de todas e todos no programa final do BNG de Arteixo, que se presentará o vindeiro 4 de maio noutro acto público xunto coa candidatura completa para as municipais deste 2019.

Campaña eleccións xerais

O acto público deste venres 12 de abril en Arteixo tamén supuxo a presentación na localidade dos candidatos do BNG ao Congreso nas vindeiras eleccións xerais do 28 de maio. Néstor Rego (candidato número 1) e María Xosé Bravo (candidata número 2), arrouparon ao candidato á alcaldía de Arteixo, e recalcaron a importancia do voto ao BNG para que Galiza recupere a voz propia no Congreso.

"O 28 de abril temos a oportunidade de volver ao Congreso. É imprescindible estar onde se decide sobre Galiza. Está decidindo xente que non nos coñece. Temos que ter voz propia”, recalcou María Xosé Bravo

Pola súa parte, Néstor Rego tamén falou da prioridade de poñer fin á crise de Ferroatlántica e Alcoa, de levar ao Congreso a condenación da débeda de Punta Langosteira, evitar o paso de mercadorías perigosas por Meicende. En definitiva, defender con voz propia os intereses de Arteixo e Galiza en Madrid.

O BNG aposta por unha candidatura comprometida co benestar da veciñanza de Arteixo