Reclamacións do BNG aos orzamentos de Arteixo para 2021
O BNG solicita a creación dun Plan de Emprego e aumentar as partidas de atención social, promoción cultural e turística.
O pasado 21 de xaneiro foi aprobado provisionalmente en pleno o orzamento de Arteixo para o exercicio 2021. Xa nese momento, os nacionalistas abstivéronse e lamentaron que o documento fose continuísta do 2020 e non tivese en conta a situación de crise que estamos a vivir debido á covid-19. O BNG de Arteixo rexistrou agora, no prazo habilitado, diferentes reclamacións ao orzamento.
En primeiro lugar, no orzamento incúmprense os artigos 168.4 e 169.2 do Real Decreto 2/2004 de 5 de marzo da Lei Reguladora de Facendas Locais, posto que nin na memoria de alcaldía nin en ningún outro documento se xustifica o incumprimento dos prazos sinalados na lei, que marca como o 15 de outubro para a súa aprobación inicial e o 31 de decembro como a definitiva. O BNG non entende que, coa facilidade que lle outorga a maioría absoluta ao PP, o documento máis importante a nivel municipal sexa aprobado a finais de febreiro. Poderíase xustificar coa situación da pandemia sanitaria, porén neste orzamento non hai partidas concretas para paliar a crise.
Por outra parte, como xa vén dicindo o BNG desde hai anos, estase a incumprir o artigo 26 da lei de Bases de Réxime Local, que di no seu punto 1 que todos os municipios deberán prestar o servizo de Cemiterio Municipal. Segue sen estar recollido no orzamento municipal para o exercicio 2021.
No orzamento de gastos de Urbanismo, a partida do Plan Xeral de Ordenación Municipal presenta a mesma cantidade que no exercicio anterior de 2020: un total de 106.451,75 euros. Desde o BNG de Arteixo reclámase que esa cantidade sexa aumentada ata os 500.000 euros para, dunha vez por todas, poder traballar no Plan Xeral que organice e reorganice o noso territorio municipal que tanto o necesita.
Nun ano de pandemia e emerxencia sanitaria, para combater esta crise e facer destes orzamentos un documento para a xente de Arteixo, o BNG solicita a creación dun Plan de Emprego que reactive o emprego e a actividade económica en Arteixo, con seguimento por parte de todos os axentes sociais e poñendo especial atención na mocidade, mulleres e persoas en paro de longa duración, colectivos que sofren en maioría a covid-19. Neste Plan de Emprego, que contará cun equipo técnico de desenvolvemento local, estará integrada a creación dun viveiro de empresas dos polígonos de Sabón e Morás así como o traballo conxunto coas empresas e coa Consellaría de Educación para estabelecer os ciclos e materias de estudo que poidan ter saída no territorio.
Neste orzamento do 2021 non hai un proxecto social para atender a pandemia e todas as secuelas que pode deixar na nosa veciñanza. A partida de asistencia social primaria destina máis de 2.650.000 euros para edificios, cando o primordial e máis inmediato sería dedicalo a atender á veciñanza de Arteixo. O BNG cre necesario incrementar o persoal de atención social primaria, para así dar o mellor servizo en cantidade e calidade á poboación. Este incremento está pensado en 240.000 euros, con especial atención ao CIM e á violencia de xénero, así como persoas en risco de exclusión social.
En canto á atención pos covid-19, o BNG propón que se faga un convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que xa está desenvolvendo este tipo de servizos para outras administracións para atender o impacto da pandemia na saúde mental e no benestar das veciñas e veciños. Propoñemos unha dotación económica de 150.000 euros.
Na situación actual, o sector da cultura e do libro están moi castigados. Por iso o BNG non entende que se rebaixe a partida para a compra de material para bibliotecas e reclama subir a partida en 10.000 euros con respecto ao ano anterior. En Promoción Cultural, en 2020 o goberno local do PP decidiu non abrir o prazo de solicitude para entidades culturais que estaban orzamentadas no documento do ano 2020. Nunha xunta de portavoces comunicouse que no orzamento de 2021 íase compensar esa dotación económica para que as entidades puidesen recuperar o gasto das actividades de 2020 e 2021. Para manter “a súa palabra”, o BNG solicita que a partida se incremente en 36.000 euros para actividades de entidades culturais do noso concello.
O mesmo ocorre coas partidas consignadas para promoción turística, que levan a mesma cantidade orzamentada que nun ano sen pandemia. Estamos seguros que a promoción turística do noso concello aumentaría os recursos económicos da nosa veciñanza. Con estes argumentos, reclamamos un incremento das partidas en 90.000 euros.
Todas as obras que figuran no anexo de investimentos resultan interesantes para o seu desenvolvemento. Poderíase falar de máis obras e de melloras pero, cando menos, o BNG pídelle ao goberno que faga o esforzo real por executar as obras de investimentos que figuran no anexo. Xa son varios anos nos que o goberno adxunta unha serie de obras neste anexo e quedan sen facer. Ademais, temos que coidar os camiños veciñais rurais, polo que a partida de 85.000 euros é escasa debido ao rural de Arteixo e por iso o BNG pide que se incremente ata chegar a 170.000 euros.
O BNG solicita unha rebaixa de 125.000 euros da partida destinada a publicidade e propaganda. Nun período de crise non é normal o incremento desta partida e o despilfarro que supón cando se podería incrementar a partida de acción social. En cambio, ao goberno do PP non lle interesa a participación cidadá, cuxo programa se ve minimizado ao máximo. O BNG reclama para este 2012 a dotación que tiña en 2020, coa incorporación de 147.000 euros.
Finalmente, no eido ambiental, o BNG reclama neste orzamento municipal a creación dun mapa de contaminación do Concello, valorado en 80.000 euros. É elemental ter este estudo para poñer en próximos exercicios medidas para paliar as deficiencias nesta materia.