As propostas sobre a AP9 e o 8M do BNG foron aprobadas con mocións institucionais
O xoves 25 de febreiro tivo lugar o pleno ordinario de xaneiro de Arteixo. O BNG de Arteixo presentou dúas mocións, unha relativa á transferencia da AP-9 a Galiza e outra sobre as mobilizacións feministas do 8 de marzo.
En canto á moción sobre a AP-9, os nacionalistas lograron que se aprobase cos dous puntos de acordo do BNG e, ademais, que se fixese institucional co apoio de todos os grupos da corporación. No que respecta ao 8M, o BNG logrou que se falase do Día da Muller ao presentar a súa moción. O mércores pasado na Deputación da Coruña chegouse a unha moción institucional que aceptaron todos os grupos de Arteixo.
O BNG levou ao pleno de febreiro dúas preguntas. Por unha parte, as obras das Eiras e inundacións das casas. A única resposta obtida foi que ninguén se atreveu a levar adiante un proxecto alí porque era unha zona conflitiva. Doutra parte, volveuse a preguntar polos recibos do lixo.
O BNG tamén levou outros dous rogos ao pleno. Dunha parte, retomouse o tema das torres de alta tensión proxectadas ata o polígono de Morás. O BNG pediu que se convocase unha reunión coa empresa Acciona para rexeitar o proxecto actual e estudar alternativas. O PP non contestou a poñer a disposición da veciñanza medios e recursos municipais para cumprir co acordo plenario levado polo BNG. Ademais, os nacionalistas solicitaron a creación dun programa de atención psicolóxica ás vítimas da covid-19. O argumento da concelleira de Servizos Sociais foi que o Concello xa estaba dando ese servizo, que había saturación no servizo para formalizar este convenio e que había outros programas. Precisamente cunha situación de traballadores sociais saturados, desde o BNG non entendemos que o PP non queira formalizar o convenio que podería axudar á saúde emocional e benestar da veciñanza.
En canto a outros temas tratados neste pleno de febreiro, aprobouse por unanimidade o plan de mobilidade (PMUS). Un documento que practicamente recolle todos os puntos dunha moción que o BNG xa levou a pleno en outubro. Non obstante, desde o BNG estamos barallando as alegacións.
Tamén se aprobou por unanimidade o convenio entre a Deputación da Coruña e o Concello de Arteixo para o financiamento de infraestruturas da cesión do polígono de Sabón, onde a Deputación investirá 3,5 millóns de euros (o 97% de medidas e proxectos).
Finalmente, a corporación do Concello de Arteixo tamén decidiu suspender a taxa reguladora dos postos da feira semanal entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste 2021. No mesmo sentido, suspendeuse a taxa de ocupación de espazos públicos con cadeiras e mesas con finalidade lucrativa (feirón e terrazas de hostalaría) debido á crise covid-19.