O PP responde con ambigüidade sobre o estado das liñas de alta tensión de Sol y Mar
O grupo municipal do BNG preguntou no pleno ordinario de marzo sobre o estado das liñas de alta tensión de Sol y Mar en Oseiro.
O grupo municipal do BNG preguntou no pleno ordinario de marzo, celebrado onte 9 de abril de 2019 sobre a comisión de festas e o estado das liñas de alta tensión de Sol y Mar en Oseiro.
Con respecto á situación das torretas de Sol y Mar, o concelleiro de urbanismo, Luis Alberto Castro, respondeu con ambigüidade absoluta e incoherencia para non dar solución sobre a problemática das torretas de alta tensión da urbanización de Sol y Mar.
O goberno do PP de Arteixo escúdase en que agora o dono das liñas é outro, que cambiou a normativa sectorial que afecta ás liñas de alta tensión, que Industria lles manda facer un proxecto previo á modificación puntual para o traslado, que hai moi pouca “xente” que faga ese proxecto ou que “ten un custo brutal”.
Todo un abano de escusas para non dicir a verdade: o PP pasa do tema. Non é normal que despois de tantas promesas feitas en 2015 esteamos nesta situación e que non lle informen á cidadanía, que non sabe como está a situación.
Desde o Concello afírmase que o proxecto o está a facer Red Eléctrica, que adquiriu o compromiso de facer ese proxecto e ”a ver se nos poden entregar ese proxecto en 2019”.
O BNG pensa que hai unha deixadez e desinterese do goberno local de Calvelo e unha falta de compromiso neste importante asunto. Todo son atrancos pero non se ve que o goberno mova un dedo para evitar os posibles efectos nocivos da alta tensión.