O pleno de Arteixo aproba as mocións do BNG sobre os ERTE e os abusos bancarios

O BNG considera un logro aprobar estas dúas mocións de interese xeral para a cidadanía
O BNG considera un logro aprobar estas dúas mocións de interese xeral para a cidadanía

Os nacionalistas votaron en contra do novo prego do SAF posto que apostan pola municipalización do servizo.

O pleno de Arteixo aproba as mocións do BNG sobre os ERTE e os abusos bancarios

Este mércores 31 de marzo tivo lugar o pleno ordinario de marzo de Arteixo. O BNG de Arteixo presentou dúas mocións no pleno: unha sobre o ERTE e os abusos bancarios. As dúas saíron adiante no pleno deste mes.

O BNG presentou unha moción para que os ERTE non contabilicen como segundo pagador na declaración do IRPF do ano 2020. Así, os nacionalistas reclaman que o goberno do Estado modifique a Lei sobre a Renda das Persoas Físicas que determina a obriga de presentar declaración ao superarse os 14.000 euros en lugar dos 22.000 euros con carácter xeral. O BNG considera necesaria esta reforma para evitar a penalización dos traballadores que reciben rendas moi baixas de dous pagadores. Un exemplo son as persoas que estiveron en ERTE no pasado ano pois, de non modificarse a lei, estarán negativamente afectadas á hora de presentar a declaración do IRPF ao ter dúas fontes de ingresos: SEPE e empresa. A moción foi feita institucional, grazas a todos os grupos da corporación, para que teña máis forza.

O BNG tamén presentou a moción sobre o incremento dos abusos bancarios contra os consumidores e o deterioro dos servizos financeiros na Galiza. No documento ínstase ao goberno central a facer as mudanzas oportunas na regulación do sector bancario para poñer freo ás consecuencias do aumento da concentración bancaria, do incumprimento das normas da competencia e do agravamento da exclusión financeira, concretamente para dar resposta á escalada de abusos bancarios en materia de restrición de servizos, pacto de horarios para limitar os servizos de caixa, incremento de comisións e redución drástica de oficinas e persoal. Ademais, ínstase á Xunta de Galiza a desenvolver as súas competencias en materia de consumo, impulsando campañas colectivas de reclamacións bancarias e informando ás persoas consumidoras dos seus dereitos.

Finalmente, o BNG de Arteixo pediu á corporación apoiar as reivindicacións dos traballadores da banca, en defensa dos postos de traballo e de mantemento de servizos financeiros no territorio galego. O pleno aprobou a moción por unanimidade, dando conta de que as mocións presentadas polo BNG de Arteixo son de interese para a veciñanza no municipio, mais tamén con carácter xeral.

Servizo de Axuda no Fogar

No pleno de marzo aprobouse, co voto do BNG en contra, un novo prego de cláusulas administrativas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O novo contrato vai dividir a concesión en 3 lotes. Ata agora era unha única empresa e, de aquí en diante, serán 3 empresas. O goberno do PP argumenta que así darán mellor servizo pero o BNG considera que o mellor servizo é a municipalización. Así, as empresas, tal e como pasou nos primeiros meses da pandemia, crean falsos ERTEs e deixan en mínimos o servizo.

Preguntas e rogos

O BNG preguntou pola situación da sala de festas Eva, situada na céntrica rúa Ría de Ferrol, e que se atopa nun estado de completo abandono. O goberno dixo que se ía demoler, mais isto xa se nos dixo cando preguntamos polo mesmo hai varios meses. De feito, o pasado agosto publicouse nos xornais que se ía demoler nun prazo de 3 meses.

 

O pleno de Arteixo aproba as mocións do BNG sobre os ERTE e os abusos bancarios