O goberno do PP de Arteixo continúa incumprindo a lei de transparencia
Desde o BNG de Arteixo levaremos a pleno a cuestión unha vez máis, despois de solicitar que se cumpra a lei de transparencia desde que esta entrou en vigor.
Desde o BNG de Arteixo esiximos ao goberno local do PP xa en 2014 unha maior transparencia para que a veciñanza poida acceder á información municipal. En 2019, continuamos denunciando a falta de transparencia do Concello de Arteixo e do seu goberno e volveremos a preguntar sobre o tema na vindeira sesión plenaria.
O goberno do popular Carlos Calvelo leva sen cumprir a Lei de Transparencia desde finais de 2015, cando os concellos xa debían estar adaptados á lei aprobada en 2013. Desde hai anos o BNG vén solicitando nas sesión plenarias que se cumpra a Lei de Transparencia, así como tamén presentamos dúas mocións, a última das cales foi aprobada por unanimidade. Con todo, non se fixo absolutamente nada na web e no portal de transparencia, vías de acceso á información para a cidadanía. Deste xeito, na vindeira sesión plenaria volveremos reclamar esta situación de falta de transparencia e presentaremos tamén un escrito dirixido ao Consello de Transparencia e Bo Goberno.
A transparencia é unha materia pendente para o Concello de Arteixo. Como se pode observar, a páxina web do concello e as propias dependencias municipais, presentan graves eivas en canto ao acceso á información que deben ser corrixidas con urxencia.
No Concello de Arteixo non hai información ao respecto da corporación municipal (información sobre o persoal eventual e retribucións, información sobre organización e patrimonio, retribucións dos membros da corporación municipal, etc.) e tampouco hai datos relativos á situación económico-financieira do Concello (información contable e orzamentaria, ingresos e gastos municipais, cadro de persoal, investimentos, etc.).
Na mesma liña, non se dá conta nin das convocatorias das sesións plenarias nin están penduradas as actas destas. Non quedan reflectidos os acordos de xuntas de goberno nin das súas convocatorias.
Máis grave aínda se cabe, no Concello de Arteixo non existe un rexistro de contratacións menores nin de negociados sen publicidade. Tampouco hai información sobre convenios e subvencións. Ademais, non son públicos os convenios urbanísticos, non coñecemos o patrimonio municipal nin de bens mobles nin inmobles así como tampouco aparece o inventario de bens e dereitos do Concello.