As emendas do BNG aos orzamentos do Estado solicitan un investimento de 8 millóns de euros en Arteixo
As dúas emendas son o enlace na AC-415 coa autovía de acceso ao Porto Exterior en Meicende, valorada en 6.600.000 euros, e o Centro de Interpretación do Castro de Punta Langosteira, por un importe de 1.450.000 euros.
O BNG non acepta na súa totalidade os orzamentos do Estado para 2022 polo que formula diferentes emendas aos mesmos. En concreto, a delegación comarcal presenta un total de 30 emendas referidas á cidade da Coruña e a súa comarca. En concreto, para Arteixo formúlanse dúas emendas: o enlace na AC-415 coa autovía de acceso ao Porto Exterior, valorada en 6.600.000 euros, e o Centro de Interpretación do Castro de Punta Langosteira, por un importe de 1.450.000 euros. De seren aprobadas, incrementaríase o investimento do Estado na Coruña e a súa contorna en 252 millóns de euros, sendo especificamente o investimento total para Arteixo de 8.050.000 euros.
En canto ao enlace na AC-415 coa autovía de acceso ao Porto Exterior en Meicende, o BNG solicita a dotación de 6.600.000 euros para esta obra viaria. En 2015 consignáronse nos orzamentos do Estado pouco máis de 3 millóns de euros para a obra que finalizaría en 2016, que permitiría evitar o tráfico pesado e de mercadorías perigosas por Meicende. O BNG solicita a execución da obra para achegar seguridade á veciñanza.
No referente ao Centro de Interpretación de Castro Punta Langosteira, o BNG valora o importe en 1.450.000 euros. Nunha recente resposta do goberno, sinálase que a Autoridade Portuaria está analizando os criterios para a posta en marcha do dito centro para poñer en valor un castro que foi arrasado en 2005 durante a construción do porto e cuxo centro de interpretación debería estar en funcionamento xa en 2012. É, polo tanto, unha reivindicación dobremente histórica con Arteixo que se debería solventar, poñendo en valor os achados do xacemento de Punta Langosteira así como as tumbas tardorromanas aparecidas tamén nos límites da obra do porto exterior mencionado.
No orzamento proposta na emenda do BNG de Arteixo iría, ademais da compra ou expropiación de terreos para situar as estruturas do castro, o edificio, aparcamento e servizos necesarios. “A intención, ademais de recuperar o noso patrimonio, é crear riqueza a través do coñecemento da nosa historia, divulgando entre visitantes e escolares da comarca o patrimonio de Arteixo”, comenta Xurxo Couto, portavoz do BNG.
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, pronunciouse nestes termos con respecto á aprobación dos orzamentos: "Gustaríanos votar que si aos orzamentos do Estado para 2022, mais iso vai depender da vontade negociadora de PSOE e Unidas Podemos".