As emendas do BNG aos orzamentos do Estado demandan un investimento en Arteixo de máis de 15 millóns de euros

Acto informativo do BNG con Néstor Rego ao que asistiu Xurxo Couto con Francisco Jorquera e outros portavoces do BNG da comarca da Coruña.
Acto informativo do BNG con Néstor Rego ao que asistiu Xurxo Couto con Francisco Jorquera e outros portavoces do BNG da comarca da Coruña.
As emendas do BNG aos orzamentos do Estado demandan un investimento en Arteixo de máis de 15 millóns de euros

O BNG presenta unhas emendas parciais aos orzamentos xerais do Estado que contemplan un investimento global en Arteixo por valor de 15.400.000 euros. As propostas do BNG que benefician ao municipio de Arteixo son a conexión ferroviaria co porto de punta Langosteira, a realización dos estudos da 4ª ronda, a reclamación dos achados no castro de punta de Muros e o 1,5% cultural do porto exterior de punta Langosteira.

O BNG reclama 5 millóns de euros para a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, unha obra imprescindible para operativizar a infraestrutura portuaria e asegurar a súa futura conexión co corredor atlántico de mercadorías. Desde hai anos non se deron os pasos efectivos para acometer esta actuación e no proxecto de orzamentos de 2021 figura cunha ridícula dotación de 100.000 euros para asistencia técnica.

O BNG solicita a a dotación orzamentaria urxente (100.000 euros) para a elaboración de estudos previos para a realización da 4ª ronda, unha demanda de numerosos axentes sociais da Coruña e da súa comarca. Este vial conectaría o acceso ao porto exterior con varios polígonos industriais e distintas vías de acceso á cidade da Coruña.

O BNG reclama os achados no castro de Punta de Muros feitos en 2005 coa construción do porto exterior, por un valor aproximado de 300.000 euros. Este castro da Idade de Ferro e os seus achados, que están hoxe custodiados polo Ministerio cando a Lei de Patrimonio Galego di que todo patrimonio galego será custodiado e pertencente aos galegos e galegas, ía poñerse en valor coa construción dun Centro de Interpretación pagado pola Autoridade Portuaria. Debería estar rematado en 2012 e, en cambio, a día de hoxe nada se sabe del.

Finalmente, o BNG solicita para Arteixo e A Coruña o 1,5% cultural do porto exterior de punta Langosteira. Aínda que non se sabe ben o que custou o porto exterior, o 1,5% cultural da obra do estado será aproximadamente de 10 millóns de euros e non se investiu no concello onde se instala. O obxectivo é abrir que se pregunte aos concellos en que se podería investir no eido da cultura e do patrimonio.

 

As emendas do BNG aos orzamentos do Estado demandan un investimento en Arteixo de máis de 15 millóns de euros