As emendas do BNG aos orzamentos da Xunta demandan un investimento en Arteixo de case 34 millóns de euros
A proposta de emendas recolle a mellora da Educación e Sanidade en Arteixo, así como iniciativas medioambientais e a eliminación da portaxe da AG55.
O BNG presenta unha proposta de emendas aos orzamentos da Xunta deste 2021 que suporían un investimento de 33.900.000 euros en Arteixo.
O BNG volve a facer fincapé na Sanidade de Arteixo, pedindo a mellora da atención primaria na localidade valorada en 1.000.000 euros. Así, solicítase o servizo de tarde nos centros de saúde de Meicende e Vilarrodís, coa súa respectiva praza de medicina xeral e consulta de enfermaría así como unha praza de pediatría independente. Outro dos servizos que hai que reforzar e ampliar son o de matrona, odontoloxía e hixienista dental e fisoterapia. Ademais, pídese o incremento do persoal actual e novos servizos no PAC de Arteixo.
En canto a Educación, o BNG presenta dúas emendas. Por unha parte, a mellora e organización do sistema educativo en Arteixo, por valor de 500.000 euros. Por outra, o novo CEIP e instituto, por valor tamén de 500.000 euros.
Na actualidade, o IES Manuel Murguía ten máis de 800 estudantes e presenta problemas de saturación. No IES de Pastoriza hai espazo para habilitar o bacharelato pero os mozos e mozas teñen que ir ao IES Manuel Murguía ou ou ao IES de Sabón. Polo tanto, sería bo que se fixesen as reformas precisas para que Pastoriza impartise Bacharelato o curso próximo. A maiores, os ciclos formativos do IES Sabón non están adaptados á realidade laboral do Concello (por exemplo, estudos en química ou téxtil).
En canto ao novo CEIP e instituto, no orzamento recóllese cunha partida insignificante de 50.000 euros. Ante a presión de alumnado nas aulas, a partida para o proxecto debería ser moito maior para acelerar a construción.
No que respecta a infraestruturas, o BNG demanda a eliminación da portaxe da AG-55 (20.000.000 euros), unha mellora na seguridade viaria na AC-552 (300.000 euros), debido á súa intensidade de tráfico polo seu paso por Vilarrodís e Pastoriza, e a construción do tramo da AG-13 (Vía Ártabra) entre a conexión coa AP-9 e a A-6 (5.000.000 euros).
En canto ao cobro da autopista, o BNG ve como unha necesidade que a portaxe da AG-55 desapareza (cando menos o de Pastoriza que comunica A Coruña e Arteixo) para permitir liberar do paso de camións e marcadorías pesadas polos núcleos urbanos e facilitar o acceso aos diferentes polígonos industriais das comarcas afectadas onde traballan miles de persoas.
No referente ao medio ambiente, o BNG solicita a elaboración dun plan supracomarcal de eliminación de especies invasoras para os municipios de Arteixo, A Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo por valor de 1.000.000 euros.
Ademais, os nacionalistas propoñen unha emenda para a rexeneración da ría de Barrañán (200.000 euros) co obxectivo de levar a cabo un plan de saneamento que permita atallar os constantes vertidos e protexer este espazo natural situado no LIC Costa da Morte.
Outras das emendas ambientais é a relativa á posta en valor e recuperación da contorna do Porto de Sorrizo (400.000 euros), unha zona de alto valor ambiental afectada pola contaminación e a construción do Porto Exterior.
Finalmente, o BNG elaborou unha emenda para a eliminación das liñas de alta tensión de Solymar (5.000.000 euros), unha urbanización de Oseiro na que a veciñanza que leva máis de 20 anos sen solución, poñendo en riscoa a súa saúde.