O Centro Social de Barrañán construirase coa subvención da Deputación
A Deputación da Coruña, de cuxo goberno forma parte o BNG, dá ao Concello de Arteixo unha subvención nominativa para a construción do Centro Social de Barrañán. O PP perdera a subvención en 2013.
A Deputación da Coruña, de cuxo goberno forma parte o BNG, dá ao Concello de Arteixo unha subvención nominativa para a construción do Centro Social de Barrañán. O deputado de Patrimonio e Contratación, Xesús Soto, asinou un convenio polo que a institución provincial achega o 80% do orzamento, que se corresponde con 191.948,89 euros do orzamento total de 239.936,11 euros.
Por mor dunha clara incapacidade do goberno local estes cartos levan sen investir en Arteixo desde 2013, ano en que o goberno da Deputación aproba darlle ao Concello de Arteixo 300.000 euros para a piscina municipal. Finalmente, o goberno do PP perdeu estes cartos porque modificou o proxecto e a Deputación informou desfavorabelmente esa modificación. Aínda así, o goberno do PP fixo caso omiso a este informe, pois tiña moita présa porque chegaban as eleccións e precisaban inaugurar a piscina. A piscina, como vimos despois, ten problemas e defectos dos que o alcalde Calvelo e compañía teñen a responsabilidade. Desde o BNG seguimos reforzando a idea da falta de planificación do goberno do PP de Arteixo e a deficiente xestión do diñeiro público.
A Deputación, para que as veciñas e veciños de Arteixo non se visen prexudicados por unha incapacidade absoluta do goberno local, deulle ao Concello de Arteixo a posibilidade en setembro de 2017 de facer outro convenio para o financiamento dunha obra. Neste caso da ampliación e reforma da escola de Barrañán, xa que esta non puidera ser feita nun dos programas que houbera en 2015.
A Deputación achegará a esta obra 191.948,89 euros, o que supón o 80% do total e o máximo que permiten as bases de execución do orzamento da Deputación da Coruña.
Antecedentes da Escola de Barrañán
Durante o mandato do PP entre 2003 e 2007, a escola de Barrañán, abandonada, estaba sendo obxecto de vandalismo sen que o goberno fixese nada. O BNG de Arteixo denunciou a situación en numerosas ocasións.
En 2007, o BNG solicitou a recuperación do edificio, que data de 1927 , e o seu uso como local de reunión para a veciñanza, denunciando ademais a carencia de infraestruturas públicas que padecía a parroquia de Barrañán. En 2008 finalizan as obras de recuperación da antiga escola, aínda que o goberno do PP tardou en abrila ao uso público. De feito, o BNG realizou un acto en 2009 pedindo que se abrise de xeito inmediato.
Agora, en 2019 e en precampaña electoral, o PP adxudica as obras, investindo por fin os cartos concedidos pola Deputación da Coruña. Dez anos despois, parece que en Barrañán contarán co agardado centro social.