O BNG solicita obras de mellora na estrada AC-415 en Arteixo
Foi transferida do goberno galego ao concello de Arteixo en 2015 logo da solicitude da administración local e sen ningún tipo de mellora.
O BNG de Arteixo solicita obras de mellora na estrada AC-415, de titularidade municipal. Os nacionalistas reclaman actuacións como o pintado da estrada, a sinalización horizontal e vertical, a visibilidade dos pasos peonís así como o cumprimento da accesibilidade.
Nesta estrada, que atravesa Meicende, Pastoriza e Oseiro e é moi concorrida, tanto por tráfico particular como por transporte público e pesado, a día de hoxe pódense observar pasos de peóns que nin se ven (con iluminación insuficiente ou moi perigosa), liñas que están completamente borradas, barreiras arquitectónicas, etc. Para o BNG urxe a realización de obras de mellora, tendo en conta ademais a chegada do inverno, cando as choivas farán esta estrada máis perigosa.
A estrada AC-415 foi transferida ao concello de Arteixo no ano 2015. A infraestrutura, que era de titularidade da Xunta, foille entregada ao Concello de Arteixo logo da solicitude da administración local e sen ningún tipo de mellora.
O BNG esixe agora as obras ao Concello de Arteixo, pois as condicións da cesión eran claras: “todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito sinalado, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova administración titular”.
Os nacionalistas levarán o tema ao vindeiro pleno municipal de Arteixo.