O BNG de Arteixo reclama investimentos en Figueiroa e na Catuxa e en plans sociais

_MG_1899-parque

A portavoz do grupo municipal do BNG-asembleas abertas, Silvia Seixas Naia, presentou o pasado mércores 6 de marzo as alegacións ao proxecto de orzamentos municipais para o 2019. Entre as alegacións realizadas figuran un maior investimento na Figueiroa e a Catuxa así como en programas sociais e de conciliación. Tamén se denuncia e reclama unha  maior transparencia nas subvencións municipais e no relativo ao persoal contratado.​

O BNG de Arteixo reclama investimentos en Figueiroa e na Catuxa e en plans sociais

Arteixo, 8 de marzo de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG-asembleas abertas, Silvia Seixas Naia, presentou o pasado mércores 6 de marzo un total de 6 alegacións ao proxecto de orzamentos municipais para o 2019 publicados no Boletín Oficial da Provincia o 12 de febreiro de 2019.

O grupo municipal do BNG de Arteixo chama á atención sobre o feito de que a partida do anexo de investimento se destine a obras que non poden ser executadas a día de hoxe. Así, reclama que a cantidade orzamentaria do anexo de investimentos, un total de 550.000 euros dos que 275.000 euros corresponden á anualidade 2019, se destine aos seguintes investimentos. Por unha parte, á construción da senda na Avenida de Figueiroa desde o fondo da aldea ata a circunvalación do Polígono de Sabón así como o acondicionamento dunha parcela en Figueiroa como pequena zona de xogos (actualmente un aparcadoiro). Por outra parte, solicitamos a adquisición de parcela na Catuxa para a construción dunha área de xogos para nenas e nenos e persoas adultas.

O grupo municipal do BNG de Arteixo reclama tamén un incremento das partidas orzamentarias de 25.000 euros destinadas a sendas. Considera que as partidas son totalmente insuficientes para iniciar as obras, tendo en conta que existe un problema de seguridade viaria evidente nalgún caso.

O BNG de Arteixo solicita tamén unha rebaixa da partida destinada a publicidade e proxectos técnicos para poñer en marcha programas sociais como un plan para combater a soidade, programa de respiro familiar para persoas coidadoras e un servizo de conciliación para familias en período vacacional escolar.

O grupo municipal do BNG denuncia o incumprimento do artigo 168.4 e do 169.2 no conxunto do Real Decreto 2/2004, 5 de marzo, e o incumprimento da Lei de Bases de Réxime Local, artigo 26, que insta aos municipios a prestar unha serie de servizos (no caso de Arteixo o cemiterio municipal e o mercado).

O BNG presenta tamén unha alegación con respecto ás subvencións nominativas e a falta de transparencia das mesmas. En cada exercicio orzamentario aumenta o número de subvencións nominativas e moitas delas repítense ano tras ano cos mesmos conceptos sen que teñamos ningún dato de que fosen solicitadas antes da súa inclusión polas entidades. Entendendo que existe discrecionalidade, desigualdade e discriminación, solicítase que se estude caso por caso e que se cumpra a lei. Ademais, en moitos casos, existe unha coincidencia no obxecto da subvención con actividades que desenvolve o propio concello con recursos propios.

Finalmente, o BNG de Arteixo vén advertindo desde hai tempo de que ten que aparecer reflectido no documento de orzamentos o persoal ao servizo da administración que teña recoñecidas compatibilidades con outras actividades privadas. Isto ten que quedar reflectido no documento, concretamente no complemento específico que ten que ser inferior tal e como marca a lexislación vixente. Tal e como se pode comprobar, o Concello leva anos incorrendo nunha irregularidade.

Ademais, nos gastos de persoal queda recollido de novo o persoal que foi subrogado por resolución da alcaldía sen ningún proceso selectivo e cunhas diferenzas retributivas evidentes ao respecto do resto do persoal, creando unha desigualdade  moi evidente a respecto do resto do persoal.

O BNG de Arteixo reclama investimentos en Figueiroa e na Catuxa e en plans sociais