O BNG presentará unha moción para instar á derrogación da “Lei Montoro”
O BNG participou onte venres 17 de abril nunha nova reunión do Comité de Seguimento do COVID-19 en Arteixo. Na xuntanza tomouse a decisión de facer efectiva a liña de axudas a autónomos con domicilio fiscal en Arteixo (Padrón IAE) con ingresos cero. As condicións son que permanezan un mínimo de 6 meses abertos e que, por suposto, reinicien a actividade. Serán unha axuda directa e unha variable. É dicir, dependerá se é unha persoa soa (directa) ou se traballan máis (neste caso será algo maior). Calcúlase que sexan aproximadamente uns 700 domicilios fiscais en Arteixo, que son os que o decreto do 14 de marzo obrigou a pechar (e, polo tanto, cero ingresos). Agardamos que a semana que vén se publiquen as bases no BOP.
Por outra parte, o BNG a nivel nacional propón a derrogación da chamada “Lei Montoro”, unha proposta que os nacionalistas farán desde todos os Concellos. Así, o BNG de Arteixo presentará unha moción para que desde o Concello de Arteixo se inste á Xunta de Galiza a dirixirse ao goberno do Estado para esixir a derrogación da Lei de Estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, Lei Orgánica de 2/2012, do 27 de abril. Deste xeito, os concellos poderían destinar o remanente a políticas activas de emprego, solidariedade e reactivación económica.
Ademais, o BNG expuso os seguintes temas na xuntanza:
- O BNG pediu que se lles solicite ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia que definan de forma clara un protocolo no reparto de mascarillas e luvas das que se vai dispoñendo. As mascarillas do Estado está repartíndoas sen criterio a Garda Civil na rúa. En Arteixo temos 4.700 mascarillas proporcionadas pola Deputación da Coruña pero aínda non se determinou como repartir.
- O BNG volveu a solicitar as tarxetas prepago para as familias máis necesitadas.
- En materia de sanidade, o BNG expuxo a necesidade de seguir o determinado polos organismos competentes (Ministerio e Consellería de Sanidade) e non se pretenderá atender competencias que non son municipais. Desde o BNG insistimos nisto porque xa existen empresas que lles ofrecen os test aos concellos, que probablemente sexan os mesmos inválidos e rexeitados polo Estado. Non se pode entrar nun terreo que escapa aos coñecementos e competencias municipais.
- O BNG reclamou prudencia no eido económico. Cómpre pensar no “día despois” e en todo aquilo que será preciso atender desde as competencias do Concello. Polo que non se deben asumir agora competencias impropias. É momento de atender competencias municipais e estar ao lado dos máis débiles e prexudicados pola situación actual.
A vindeira xuntanza do Comité de Seguimento do COVID-19 en Arteixo será o luns 20 de abril.