O BNG presenta o seu equipo de persoas para conseguir un Arteixo para vivir
O BNG de Arteixo presentou a candidatura para as municipais 2019, Xurxo Couto, candidato á alcaldía, presentou tamén os principais puntos do programa electoral.
O BNG de Arteixo presentou hoxe, sábado 4 de maio, no Centro de Novas Tecnoloxías de Arteixo a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais do 26 de maio. A lista paritaria está formada por 10 mulleres e 10 homes que forman un equipo de persoas comprometido co futuro da súa vila e que traballarán con ganas e ilusión para conseguir o cambio que precisa Arteixo. "Un cambio planificado, coas ideas claras, para construír o Arteixo que merecemos", afirma Xurxo Couto, candidato á alcaldía.
No seu discurso, Couto tamén quixo deixar claro que os últimos anuncios do goberno do PP de Carlos Calvelo foron ideas xa presentadas polo BNG en anteriores programas electorais. "O goberno do PP, falto de ideas, ten que poñer en marcha as nosas como o transporte interparroquial ou a Casa da Mocidade. Iso si, o de planificado non vai con eles", comentou o candidato do BNG, en referencia á desorganización e mala xestión dos recursos do goberno actual de Arteixo.
Principais liñas do programa electoral
O programa electoral do BNG de Arteixo para as vindeiras eleccións municipais, explica as diferentes propostas a partir de sete grandes "ideas claras".
En primeiro lugar, un Arteixo para traballar. Xerarase emprego de calidade a través da creación dun viveiro de empresas, dun centro de desenvolvemento e formación, dun plan de emprego específico e dun polígono agrario para atender as demandas do sector primario e convertelo nunha forza económica do municipio.
En segundo lugar, un Arteixo que aposte polo medio ambiente. O BNG rexenerará a costa de Arteixo e porá en valor o rural, rico en fauna e flora. Ademais, elaborará un mapa de contaminación do Concello para poder actuar e conseguir un mellor Arteixo para os nosos fillos e fillas. En medio ambiente, tamén se porá en marcha un sistema de recollida e tratamento do lixo que supoña a solución definitiva aos problemas da veciñanza neste momento.
En terceiro lugar, un piar fundamental é o benestar social. O BNG mellorará os servizos sociais a través da restruturación da Concellería, que dotará de máis recursos e persoal. Tamén se porá en funcionamento un centro ocupacional para persoas con diversidade funcional e se construirá unha vila libre de barreiras. Neste sentido, daranse axudas para a adaptación de vivendas e vehículos a persoas con diversidade funcional ou dependencia.
Un aspecto fundamental será a atención aos maiores, coa creación dunha oficina para facilitarlles todos os trámites administrativos e tamén teremos un programa de atención á soidade.
En cuarto lugar, outro punto do programa é aquel que fai do municipio unha vila para as persoas. Así, un aspecto a tratar é a mobilidade rural e urbana. "O goberno vai peatonalizar máis zonas urbanas, garantindo que sexan 100% cento accesíbeis a calquera tipo de diversidade para que sexan de todos e todas", afirma Couto. Habilitaranse zonas de aparcamento público e gratuíto nas zonas urbanas do Concello. Tamén se dinamizarán culturalmente as zonas peonís para apoiar o comercio arteixán.
Tamén se fará fincapé no deporte e na cultura. "Poñeremos en marcha a verdadeira Casa da Mocidade, das Artes e da Música. Unha idea que xa tivemos en 2003 desde o BNG", recorda Couto. En cultura, o BNG se compromete coa historia e patrimonio local, protexéndoo e converténdoo nun recurso turístico.
O turismo, a cultura e o deporte, ademais de servizos á cidadanía, han ser motores económicos da vila. Non será o caso da piscina de Meicende do PP. "Unha piscina que non poderá acoller campionatos porque non se construíu para tal fin. Nin os nosos deportistas poderán competir na casa nin Arteixo recibirá asistentes a estes eventos deportivos, coa dinamización do sector hostaleiro e comercial que iso supón", dixo o candidato do BNG.
En quinto lugar, apóstase por un Arteixo aberto, con medidas para a participación cidadá e a transparencia. Exemplos disto son a recuperación da radio municipal, a modificación dos horarios dos plenos ou a construción dun goberno participativo. De feito, outra das críticas máis importantes ao actual goberno é a falta de transparencia. "Queremos recuperar a radio municipal, silenciada polo goberno de Calvelo, como medio para a información e participación cidadá", apunta Couto, quen tamén afirma que o BNG comunicará á veciñanza a que se dedican os seus cartos.
En sexto lugar, traballarase por un Arteixo en igualdade. Neste apartado, poñerase en marcha a Casa da Muller e ampliarase o Centro de Información á Muller. Ademais, aprobarase unha ordenanza municipal para a igualdade e diversidade.
Finalmente, en sétimo lugar, o BNG traballará por un Arteixo planificado, cun plano de goberno 2019 - 2023 que aprobará nos primeiros 100 días de mandato.
O programa electoral do BNG de Arteixo estará dispoñible o día de comezo da campaña na web arteixo.bng.gal para a consulta de medios e cidadanía.
Candidatura para as municipais 2019 do BNG Arteixo
1. Xurxo Couto Rodríguez
2. Raúl Fernández Iglesias
3. Lara Vieites Corredoira
4. Alberto Abeleira García
5. Paula Gutiérrez Álvarez
6. Celia Regueira Varela
7. Carlos López Cotelo
8. Verónica Rozamontes Suárez
9. Eva Vázquez Veira
10. Juan Carlos López Oliveira
11. Silvia Seixas Naia
12. Arantxa López Ares
13. José Ramón Naya Montes
14. Juan José Anido Lista
15. Rosa Gómez Amigo
16. Ramón Vieites Vieites
17. Loly Rega Nión
18. Juan Antonio Sánchez Vázquez
19. Silvia Sánchez López
20. Adrián García Rosato
21. Ana María Calviño Bestilleiro
S1. Xosé Luis Díaz Carril