O BNG presenta sete ideas claras para o futuro de Arteixo
O BNG de Arteixo presenta un programa electoral para as vindeiras eleccións municipais do 26 de maio baseado en sete ideas claras. Co obxectivo de conseguir "Un Arteixo para vivir", presenta un total de 83 medidas enmarcadas en sete bloques temáticos ou sete ideas claras, en relación ao lema Concellos Con Ideas Claras do BNG.
Podes descargar o programa electoral completo do BNG Arteixo para as municipais 2019 neste enlace. Se estás no ordenador e prefires consultalo en liña preme nesta ligazón.
Ademais das medidas concretas para a Arteixo, tamén seguimos o programa marco do BNG para as municipais 2019 para toda Galiza.
Principais liñas do programa electoral
Idea clara 1: Un Arteixo para traballar. Xerarase emprego de calidade a través da creación dun viveiro de empresas, dun centro de desenvolvemento e formación, dun plan de emprego específico e dun polígono agrario para atender as demandas do sector primario e convertelo nunha forza económica do municipio.
Idea clara 2: Un Arteixo verde. O BNG está comprometido co medio natural. Rexenerará a costa de Arteixo e porá en valor o rural, rico en fauna e flora. Ademais, elaborará un mapa de contaminación do Concello para poder actuar e conseguir un mellor Arteixo para os nosos fillos e fillas. En medio ambiente, tamén se porá en marcha un sistema de recollida e tratamento do lixo que supoña a solución definitiva aos problemas da veciñanza neste momento.
Idea clara 3: Un Arteixo para o benestar comunitario. O BNG mellorará os servizos sociais a través da restruturación da Concellería, que dotará de máis recursos e persoal. Tamén se porá en funcionamento un centro ocupacional para persoas con diversidade funcional e se construirá unha vila libre de barreiras. Neste sentido, daranse axudas para a adaptación de vivendas e vehículos a persoas con diversidade funcional ou dependencia.
Un aspecto fundamental será a atención aos maiores, coa creación dunha oficina para facilitarlles todos os trámites administrativos e tamén teremos un programa de atención á soidade.
Idea clara 4: Un Arteixo para as persoas. Un aspecto a tratar é a mobilidade, transformación e modernización do espazo rural e urbano. Peonalizaranse máis zonas urbanas e dinamizaranse culturalmente estas zonas peonís para apoiar o comercio arteixán. Habilitaranse sendas peonís seguras para escolares e zonas de aparcamento público e gratuíto nas zonas urbanas do Concello. Así mesmo, planificaranse sendas verdes e fluviais nas parroquias que permitan unha boa comunicación entre núcleos.
Construiremos unha área canina, levantaremos un cemiterio municipal de xestión pública e crearemos un concello intelixente.
Tamén se fará fincapé no deporte, poñendo en funcionamento una instalación de atletismo, melloraranse as instalacións a cuberto e habilitaranse zonas ao aire público. Crearemos un Padroado Municipal de Deportes.
En canto á cultura, crearase unha verdadeira Casa da Mocidade, das Artes e da Música. Deseñaremos para ela e para os centros culturais das parroquias programación cultural durante todo o ano.
Crearase un servizo de Patrimonio, Historia e Memoria, sendo a investigación da historia local un eixo fundamental da acción de goberno.
Idea clara 5: Un Arteixo aberto. Traballaremos para uns medios de comunicación públicos e transparentes, recuperando a radio municipal. Modificaremos os horarios dos plenos e retransmitiranse en directo.
Teremos un goberno participativo onde os cidadáns coñecerán e participarán nos orzamentos. Tamén se creará o servizo de Open Data do Concello.
Idea clara 6: Un Arteixo en igualdade. Poñerase en marcha a Casa da Muller e ampliarase o Centro de Información á Muller, cun servizo de 24h para atender casos de violencia machista. Tamén teremos puntos violeta no municipio. Ademais, aprobarase unha ordenanza municipal para a igualdade e diversidade.
Idea clara 7: Arteixo planificado. Elaboraremos un plano de goberno 2019 - 2023 que aprobará nos primeiros 100 días de mandato.