O BNG preguntará en pleno pola desorganización da volta ao colexio en Arteixo
O BNG de Arteixo levará ao pleno ordinario de setembro preguntas sobre a desorganización da volta ao colexio, a adquisición da pick-up con outras características para a Protección Civil e rogará a convocatoria da mesa para a reactivación da economía local.
A volta ao colexio en Arteixo caracterizouse por unha gran desorganización e as medidas de seguridade que se trasladaron na xuntanza do 1 de setembro desde a área de seguridade do Concello non se cumpriron. Así, na zona da Ponte dos Brozos o caos foi importante: rúa cortada tarde, aglomeracións nas entradas, etc. A maiores de todas as incertezas da volta ás aulas, naquela xuntanza tamén se trataron outros aspectos que deberían ser resoltos como actividades extraescolares, comedores, madrugadores… cuestións que a que día de hoxe seguen sen resolución a día de hoxe.
Dada a situación, o BNG preguntará como é posible que na Avenida Arsenio Iglesias non se cortase a tempo a rúa. Tamén se preguntará sobre o sistema de horarios escalonados e por que non se cumpriu e quen foron as persoas encargadas de organizar fóra dos centros a volta ao colexio e se houbo reforzos eses días. Finalmente, o BNG quere saber con que reforzos de persoal se conta para facer a desinfección e se reclamaron á Xunta de Galicia que asuma o custo así como pediremos información sobre as labores de desinfección nos buses escolares.
Por outra parte, e con motivo da adquisición dun vehículo pick-up para Protección Civil que non cumpre as características dos pregos de contratación, o BNG preguntará como foi iso posible e se por parte da tesourería e intervención municipal se realizou algún pago dos previstos no contrato tendo en conta o anexo das cláusulas administrativas, que din que os pagamentos son mensuais.
Finalmente, o BNG rexistrou un rogo para que se convoque a mesa para a reactivación da economía local tal e como pedía o Centro Comercial Aberto de Arteixo. Así mesmo, o BNG quere saber se, tal e como argumentaba o CCA na súa nota de prensa, o goberno ten coñecemento da existencia de locais comerciais sen licencia.