O BNG preguntará no Parlamento sobre as alegacións ao proxecto da liña de alta tensión en Arteixo
O BNG presentou unha proposta non de lei para a creación dunha mesa de traballo coas partes afectadas.
O grupo parlamentario do BNG rexistrou esta semana diferentes preguntas e unha proposición non de lei sobre o estado do proxecto de alta tensión, despois de que o prazo de alegacións rematara o pasado 26 de marzo.
O proxecto de alta tensión, que afecta ás parroquias de Monteagudo, Chamín, Armentón, Lañas, Larín, Loureda e Morás en Arteixo, foi rexeitado por todos os partidos políticos da corporación do Concello de Arteixo e por grande número de veciños e veciñas, ademais de entidades do municipio. Ademais, os medios de comunicación chegaron a dar conta, nun primeiro momento, dunhas 1.200 alegacións presentadas pola veciñanza, das que unhas 700 procederían directamente da xestión do propio Concello.
Unha vez rematado o prazo oficial de alegacións, e á vista da grave preocupación e activación social existente en Arteixo, o grupo parlamentario do BNG formula diferentes preguntas. En primeiro lugar, o BNG quere saber o número de alegacións que foi recibido na Xunta de Galiza. Desta cifra, cantas foron presentadas por persoas propietarias afectadas, cantas pola veciñanza en xeral e cantas polo propio goberno de Arteixo e o Concello. En segundo lugar, o BNG pregunta pola valoración que fai o goberno galego do proceso de alegacións. Ademais, ante as alegacións rexistradas, o BNG preguntará se a Xunta considera agora introducir modificacións no proxecto de alta tensión e de que tipo.
Finalmente, o BNG fai unha proposición non de lei na que o Parlamento insta á Xunta a constituír unha mesa de traballo coa veciñanza afectada, o Concello, as entidades sociais, etc., co obxectivo de realizar, desde o diálogo e consenso, as modificacións oportunas ao proxecto de novo trazado da liña de alta tensión, atendendo as alegacións presentadas.