O BNG poñerá fin á falta de planificación do goberno de Arteixo
11 maio 2019 - 21:37
A falta de planificación do actual goberno do PP, liderado por Carlos Calvelo, fai necesario abordar de forma urxente a planificación de Arteixo en todas as áreas. Por iso, o programa electoral do BNG de Arteixo inclúe o apartado "Un Arteixo planificado".
A planificación é unha das claves do programa do BNG de Arteixo e persegue dar solución aos temas pendentes de resolver do municipio durante a xestión do PP así como unha mellor xestión dos recursos económicos do Concello.
- Plano de goberno 2019-2023: Para dar compromiso ao programa electoral presentaremos un plano de goberno que será consensuado, redixido e aprobado nos primeiros 100 días de mandato. Neste plano definiranse os obxectivos para os vindeiros catro anos e as prioridades de actuación do goberno local. O plano de goberno recollerá as áreas de actuación ou eixos, uns obxectivos e as liñas de actuación e os proxectos estratéxicos. Acordarase tamén, para facer seguimento do acordado, unha convocatoria anual aberta á todas as veciñas e veciños para dar conta de cada unha das liñas decididas. Trimestralmente irase informando na web, prensa e redes sociais das xestións, trámites e obxectivos conseguidos de cada área de actuación.
- Aprobaremos unha Relación de Postos de Traballo adaptada nas funcións á realidade presente e futura das necesidades municipais, proporcionando estabilidade ao persoal e promovendo negociación dun novo convenio para o persoal laboral.
- Revisaremos as ordenanzas fiscais que recollerán bonificacións para autónomos e autónomas e para a posta en andamento de novos pequenos negocios. Do mesmo modo, tamén se fará unha revisión da ordenanza do lixo e de abastecemento e saneamento coa finalidade de acabar coa discriminación que sofren so pequenos negocios do concello. Teranse tamén en conta as familias con menores e maiores dependentes ao seu cargo.
- Aplicaremos en todas as ordenanzas fiscais criterios de xustiza social e equidade.
Pódese descargar o programa electoral do BNG de Arteixo para as vindeiras eleccións do 26 de maio nesta ligazón.